Opinión

Sensación térmica

Que vivimos tempos de papanatismo dixital papaleixón é unha obviedade que por evidente, non sería quen, arestora, de definir. É coma aquel do conto que se estrañaba porque un veciño emigrado en Francia, ó volver de vacacións chamáballe ó queixo "fromax", cando estaba claro que o que había diante dos seus ollos era un "queixo!"

Nos últimos anos, unha boa parte dos informativos televisivos -o espazo que deixa libre o relato diario de Puigdemont en Waterloo e as andanzas dos capos do Real Madrid e do Barcelona- veñen sendo ocupados polo denominado "tempo", é dicir, a información climatolóxica ou meteorolóxica. Que se, denantes de que chegara o inverno estabamos a pasar a etapa máis longa de sequía dende que hai rexistros na Axencia Estatal de Metereoloxía... Que se agora lle poñemos nomes de home e de muller -en cremalleira, non se vaian anoxar!- ós temporais de toda a vida... Que se o cambio climático "is coming" porque hoxe nevou no Mediterráneo ó pé do mar... A min a que máis me "desestabiliza" de todas é esa astracanada de chamarlle á temperatura "sensación térmica".

Hai uns días escoiteillo a todo un analista político na radio, cando acompañaba ó piloto dun voo da ponte aérea Barcelona-Madrid. "A estas horas tenemos de sensación térmica...", dixo o xornalista con todo o poder neoloxista que aporta a razón.

Cando eu estudaba física había unhas barriñas de cristal dunha determinada medida, que levaban unha pinga de mercurio dentro e unhas raíñas analiticamente marcadas en colocación vertical que, a medida que subía ou baixaba a calor -e o frío respectivamente- facían espandirse ou contraerse ó mercurio e ían sinalando os graos celsius que había en cada momento. É dicir, a temperatura de toda a vida. Logo foron inventados outros aparellos máis sofisticados e agora calquera trebello que un merque nos chinos xa trae de serie un chip que conectado á correspondente pantalla dixital, dinos con total exactitude os graos -a temperatura de toda a vida- que hai no exterior ou no interior.

Descoñezo quen tivo o arrouto de introducir o neoloxismo, pero se cobrase dereitos de autor, non sería unha sensación económica, senón unha realidade patente que a estas alturas estaría rico coma un porco. Eu non sei se vostede parou a pensar un pouco na tontería esa da sensación térmica, porque unha cousa é o frío como concepto absoluto -ata o punto de que en -273,15 º C está o cero absoluto- e outra moi diferente a "sensación" que un pode ter en función dun sen fin de variables coma a graxa que un teña, o estado de saúde, a roupa que porte, etc., etc.

En fin... Eu coñezo xente que tanto anda en manga curta o 15 de agosto coma o 31 de xaneiro, polo que, como dicía aquel ministro debe ser sempre “cero graos”. É dicir, nin frío nin calor.

Te puede interesar