Será a hora?

Que en Galicia os movementos sociais acontecen cun relativo tempo de retraso respecto de cando acontecen noutros lugares do mundo , é algo que non necesita máis ca un breve repaso á historia para ter unha confirmación empírica da aseveración que acabo de formular.

Tomemos conta, poño por caso, canto tiveron que andar e loitar os romanos ata cruzar o río Lethes, con bastante medo, por certo, se lle facemos caso á lenda de Décimo Xunio Bruto.

O mesmo, máis ou menos, que lle aconteceu ós mouros, que malamente deron saltado o río Douro a non ser dun xeito ocasional, gracias, entre outros factores, a un tal Hermenexildo Guterres, que non os deixou pasar de Coimbra.

Así poderiamos correr pola liña do tempo, sen presas pero sen pausas, e ir parando en determinados fitos para comprobarmos que non dicimos mentira ningunha ata chegarmos incluso ó Rexurdimento, á Guerra Civil e mesmo á Transición, cando, mentres nas outras comunidades históricas os partidos políticos de carácter -digamos- autóctono se reorganizaron a partir das formacións preexistentes na República, na nosa terra un fato de intelectuais da resistencia interior decretaron a morte “morrida” do Partido Galeguista porque o galeguismo debería ser transversal e non só cousa dunha soa formación.

Unicamente nunha cuestión certamente transcendental para nós -consecuencia lóxica das outras- chegamos a ser pioneiros... Na emigración. Unha emigración que fixo moito pola nosa cultura e mesmo polo sostemento das débiles estructuras do pensamento político de carácter galego, pero non foi quen de superar a idea dos galeguistas do interior e con bastante dolor de corazón viron murchar impertérritos a flor.

Velaí, como, despois dun intento baldío -porque durou pouco tempo- de recuperación das esencias daquela vella idea liderada nese momento por Eulogio Gomez Franqueira e outros moitos, todos dixeron "deus nos libre dun xa foi..." e ou se retiraron ós "seus apousentos" ou tomaron asento noutros sillóns.

Velaí como, mentres as outras comunidades históricas asentaban os seus proxectos propios, en Galicia ese buraco quedou definitivamente baldeiro ata que chegou Fraga Iribarne e implorou aquel famoso "galego coma ti" ó que se sumou a antropoloxía natural da sociedade galega sen outro sostén ideolóxico có da forza bruta (politicamente falando) que representaba o que fora embaixador.

Total que, chegados aquí, cando todo está en revisión e o Partido Popular de Galicia se atopa a unha semana só de dar o chimpo definitivo cara o precipicio recentralizador, pregunto eu dende o estrado se non lle terá chegado a hora daren o paso a un lado e malia ó tempo pasado, invocaren aquilo de "nunca é tarde se ó cabo, cando menos, nos salvamos nós".