Opinión

Sobremesa sen presas

Non hai mellor regalo para aqueles que gustamos da conversa tematicamente diversa, que unha sobremesa sen presas con xente á que un aprecia e que pode ser quen de saltar no tempo dunha referencia costumista nunha feira calquera da provincia, dos tratantes de Maside -poño por caso-, ó percurso que no século IV fixo por Terra Santa a monxa "galaélica" Exeria.

Onte tiven o pracer de compartir unha delas nunha ocasional terraza das Lagoas, con tres amigos cos que comparto, ademais, un bo feixe de proxectos xa executados e outros por executar e, sobre todo, un florido e recíproco cangallo de afectos.

Xirou, a mesma, arredor dun fermoso libro colectivo que un deles, o "irmau" Luís González Tosar, acaba de coordinar sobre un deses ourensáns que portaron con galanura no século pasado a súa ourensanía polo mundo polo que andaron -e andaron por moito- e que, sen embargo, hoxe son uns auténticos descoñecidos para a inmensa maioría, simplemente porque a vida é así, vai vertendo silencio e terra por riba do tempo e resulta completamente imposible loitar -neste contexto- contra o inexorable.

Trátase de Francisco Luís Bernárdez, o fillo dun tratante de Maside que naceu xa en Buenos Aires, que despois de crecer naquela cidade atlántica volveu a Maside coa súa nai, tivo a oportunidade de coñecer "o prodixio da lingua que fala o pobo que ten a honra de custodiar a sepultura do Apóstolo Sant-Iago" e finalmente volveu ó seu casal natal prendido do seu elo para converterse nun poeta -a dicir de González Tosar- "que estivo sempre no lugar no que tiña que estar"e nun activista cultural que intimou con Borges e incluso foi cuñado temporal de Cortázar.

Disto todo, que eu loxicamente descoñecía, tiven ocasión de me informar nesa aludida sobremesa, por lectura comentada do propio González Tosar, acompañada nos interrompidos silencios polo xornalista Luís Menéndez (que despois de terlle dado non sei cantas voltas ó mundo á procura do infinito ronsel que cada galego de ben ten deixado inscrito no seu camiño, agora se dispón a exhumar o itinerario de Exeria), así como polo historiador (isto é o que ten por oficio, aínda que por título porte a estela de catedrático) Jesús de Juana, que dedicou parte do tempo a rescatar, do anonimato das páxinas pousadas, media ducia de sonetos que nos axudaron a corroborar que o Ourense da diáspora é unha fonte intelectual que nunca estiñará. Velaí un botón de mostra: "No digas nada, no preguntes nada./ Cuando quieras hablar, quédate mudo:/ que un silencio sin fin sea tu escudo/y al mismo tiempo tu perfecta espada./ No llames si la puerta está cerrada,/ no llores si el dolor es más agudo,/ no cantes si el camino es menos rudo,/ no interrogues sino con la mirada..."

Te puede interesar