Opinión

Socializar o custe de nacer no rural

Nas notas que apuradamente fun tomando a medida que el ía debullando o seu argumentario de profesor universitario, escribín: "Socializar o custo de nacer no rural".

Debo confesarlle, benquerido lector, que era a primeira vez que escoitaba ese aforismo nuns termos tan resumidos, se ben a medida que desenvolveu o concepto é certo que me fun familiarizando con el e incluso crin lembrar que, con outras palabras probablemente non tan técnicas, xa o expuxen nalgún momento nesta mesma columna.

Apuntei por vez primeira isto na columna do pasado martes e volvo a el, tal como prometín, porque nesa loita común na que todos deberiamos estar xuntos, unha loita de firme compromiso activo co medio no que gastamos os nosos días os que moramos nesta provincia eminentemente rural, é sumamente importante entender isto co fin de podermos reivindicar o que merecemos e tanto tempo levamos sen lograr.

E apunteino ó fío da intervención do profesor ourensán da Universidade de Vigo, Luís Domínguez, esoutro día en San Estevo, cando lle deu un repaso clarividente a toda unha serie de accións encadeadas e perfectamente artelladas que dende as Administracións e dende a propia sociedade deberiamos comezar a aplicar de contado se non queremos que de aquí a unha ou dúas xeracións -non máis- a nosa terra estea convertida nun inmenso bosque no medio do cal morarán media ducia de comunidades urbanas coa súa área periurbana de arredor e do cal poderiamos tomar como paradigma a esa trama anárquica de aldeas urbanas que se foron xerando arredor de Vigo.

En que consiste, logo entón, socializar o custo de nacer no rural, estará preguntando vostede agora mesmo. Pois ben, vou tratar de explicarllo con algún exemplo gráfico no espazo que me queda. A ver se son quen de o lograr.

Poñamos por caso os habitantes que moran no parque natural do Xurés. Loxicamente nacer, crecer e vivir en calquera aldea da raia seca supón unha serie de graves problemas de acceso a servizos públicos que si que teñen a man os que residen a carón ou no corazón dun espazo urbano, tales como os médicos, de educación, culturais de ocio e nas últimas décadas dun xeito especial, das tecnoloxías da información e da comunicación.

Sen embargo, se un veciño da capital desexa ir gozar da natureza do parque natural unha mañá de domingo calquera, non ten máis ca coller o coche e procurar a ruta, sen o máis mínimo custe adicional.

Pois ben, velaí onde é que o Estado debería actuar, facendo chegar fondos directos ó medio rural por manter espazos que logo son aproveitados por todos. É dicir, facendo un reparto solidario que poña en igualdade de condicións a decisión individual á hora de decidir vivir nun espazo urbano ou no medio rural.

Te puede interesar