Socializar a ourensanía

Socializar a ourensanía

Hai discursos e discursos. Hainos con excelente estructura gramatical, magnífica oratoria, certeiras citas literarias e interesantes asuntos que tratar, pero que a medida que centran o seu obxectivo nas formas, se cadra van perdendo de vez as cuestións de fondo que os motiva e cando un oínte quere facer un mero resumo co que se quedar, resulta que non é nada doado extraerlle a esencia ó contexto porque non contan con ideas forza que poder zugar.

Hai outros, sen embargo, que aínda sendo ben ensarillados sintacticamente -suxeito, verbo e predicado- e ben organizados na súa temática contextual, non se permiten licencias literarias, nin frorituras referenciais, senón que centran o seu interese na comunicación lineal, asentándose, cando toca, en datos máis ou menos concretos, pero só nos casos necesarios para reforzar as conclusións que pretenden acadar.

Se tivera que encadrar o discurso que lle acabo de escoitar ó presidente da Xunta en Expourense -e do que achega abondosa cobertura informativa noutras páxinas, este mesmo xornal-, loxicamente tería que instalalo no segundo andar, porque así foi como reflexionou, en alto e diante dun cumprido e diverso auditorio, arredor da problemática demográfica e da recuperación agro-gandeira-forestal no medio rural. Algo que tanto nos preocupa agora a todos e dun xeito moi especial ós ourensáns.

Pousou o dedo o presidente da Xunta en varios aspectos que darían, cadanseu, para analizar profundamente e que, sen dúbida, sinalan esperanzadores horizontes  abertos para o futuro da nosa provincia, iso si, sempre e cando as administracións públicas e o compromiso empresarial decidan levalas a cabo lexislando e ofrecendo apoios económicos e infraestructurais no primeiro caso, e implicándose decididamente con proxectos de emprendemento empresarial, os segundos.

Pero todo iso non terá encaixe real nin perspectivas de futuro se non temos claro que, como el tamén indicou nalgún momento do discurso, tódolos sectores posibles, públicos e privados, comerciais e industriais, asociativos e individuais, empresariais e profesionais, non somos quen de conseguirmos socializalos, entendendo que do mesmo xeito que cando un barco está a piques de naufragar, ou tratamos de salvármonos todos ou posiblemente ninguén se salvará.

De aí que me gustase especialmente que repetira por cinco veces o concepto “ourensanía” como posible contedor desa enerxía potencial que ten Ourense e que ata o de agora non se ten sabido canalizar. Porque, por máis que aínda haxa quen trate de banalizalo ou incluso ridiculizalo, non ten xurdido nos últimos anos ningún movemento tan capaz de socializarnos dun xeito tan transversal.

E se, por exemplo, "Teruel existe" e agora pisa forte no plano nacional, non é por outra causa que non sexa a de teren conseguido turrar todos do mesmo cabezallo. E, o que é máis importante, enfocando o esforzo colectivo de todos -é de perogrullo, pero é básico- cara o mesmo lugar.