Opinión

Un suplicio

No ano 2001 a Assembleia da República portuguesa sufriu un auténtico terremoto político cando o presidente da Cámara de Ponte de Lima e deputado polo CDS-PP decidiu poñerlle "prezo" ó seu voto -persoal e intransferible- para que o goberno socialista de Antonio Guterres fose quen de aprobar os orzamentos estatais.

O goberno de Guterres precisaba dun só voto para obter a maioría natural da Assembleia e así poder aprobar os orzamentos e Daniel Campelo, que así se chama o audaz político "limiao" e que hoxe exerce como secretario de Estado das Florestas e Desenvolvimento Rural no actual goberno luso, colocou valentemente por riba da mesa do primeiro ministro un paquete de medidas e investimentos en infraestructuras para a comarca do río Lima (Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Ponte de Lima, fundamentalmente) comprometéndose a viabilizar os orzamentos se o goberno se comprometía á súa vez a executar o que chegou a ser coñecido como o "pacote Campelo". Guterres asinou o documento e Daniel Campelo ergueu o brazo en favor daqueles orzamentos, acto polo que foi expulsado do seu partido e incluso ridiculizado por unha boa parte da opinión pública que chegou a denominar o caso como o "queijogate" porque entre as súas reivindicacións ía incluída tamén a recuperación da denominación de orixe do queixo limiao que fóra deslocalizada por unha empresa americana, caso que -hai que dicir tamén- acabaría gañando finalmente a través da Xustiza, dez anos despois.

Pois ben, naquel paquete de medidas que tanta poeira levantaron daquela en Portugal, ía incluída así mesmo a vía de comunicación rápida que estaba chamada a unir, río arriba, a cidade de Viana do Castelo con Ponte de Lima, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e a fronteira do Lindoso e que quedou identificada co epígrafe IC-28.

A valentía política de Daniel Campelo serviu para que hoxe o percorrido entre Ponte da Barca e a autoestrada de Porto se faga nun suspiro, do mesmo xeito que se fai nun suspiro o enlace entre a A-52 e Celanova, facendo que a viaxe entre Celanova e Ponte da Barca -ou viceversa- se converta nun suplicio -por comparativa- aínda maior do que era antes.

Nantronte, un grupo de veciños das dúas comarcas -que algún día deberá ser unha- fixeron patente o seu malestar e eu, como non podía ser doutro xeito, súmome dende esta columna á protesta e asino onde haxa que asinar para que algún outro Daniel Campelo conciencie ós dous gobernos de que esta terra milenaria -de aquí e de acolá- non pode quedar conectada a medias.

Te puede interesar