Opinión

Por que tanta xenreira?

Vaia por diante de todo canto vou escribir -e non para pedirlle permiso a ninguén por facelo, senón para deixalo ben clariño-, que porque son galego, en boa lóxica é pola que me considero, así mesmo, español. E xamais me sentiría dono de tal condición se non tivese ben firmes os alicerces dos que proveño, que teñen asento nunhas xentes que hai máis de mil anos xa suaban nestas terras de sol a sol.

Dende esa perspectiva escribo tal día coma hoxe, para verter unha simple pero, penso que oportuna, reflexión: Dubido moito que haxa outro pobo no mundo que practique tan ben o auto odio coma nós.

Hai uns días, alguén que me quere ben díxome que me notaba cambiado dende que volvera de Caracas. E non se equivocou, porque Caracas púxome diante dos ollos un país en descomposición. Unha sociedade que presumía de rica -porque podía- cando aínda non saíra o sol despois da longa noite. E unha sociedade, en fin, que a forza de bater e bater co mazo contra as súas testas deixaron de ollar con nidieza a realidade e cando quixeron vela, xa o mazo era tan grande que agora non son quen de afastalo e só lles queda a letra dunha cantinela coa que se laian a cotío: Cómo foi?

Escribo isto despois de ver na televisión a un cantamañás ás portas dun concello catalán fender unha orde xudicial con tanta chulería coma se acabara de abolir a escravitude ou procurara a solución para ós que morren afogados no Mediterráneo.

E escríboo, tamén, despois de que por "h" ou por "b", baseándose en non sei qué argumentos peregrinos, media ducia de presidentes de Comunidades Autónomas e non sei cántos representantes de partidos políticos que cobran do Estado que din non recoñecer, se ausentasen unha vez máis duns actos que "son un tostón" -Rajoy dixit-, pero que non deixan de seren un símbolo pacífico da nosa común convivencia. E, sobre todo, logo de que unha alcaldesa -e non unha calquera, senón a de Madrid- se solidarizase con non sei qué comunidade indíxena denunciando os aldraxes que os nosos antergos seica fixeron hai 500 anos por alí, sen decatarse de que, se cadra, algún dos seus propios antepasados puido ser un de tantos dos que, machete en man, lle fenderon a cabeza ós xefes das tribos que agora ela homenaxea con tanto amor.

De 194 países que seica recoñece a ONU, a nosa economía é a décimo segunda. Somos o número 18 en criterios de benestar. A nosa sanidade é probablemente a mellor de todas. As nosas comunicacións son a envexa dos que nos veñen visitar porque estamos no terceiro lugar do turismo mundial. Non hai Estado máis descentralizado có noso... E así poderiamos seguir ata cansar, e non nos dariamos por saciados.

É certo que hai moito que arranxar. Pero, por qué tanta xenreira? Qué fixemos mal nestes 40 anos para que nos odiemos tanto? Alguén mo pode contestar?

Te puede interesar