Opinión

Temos dereito a saber

Leo con gran desgusto a información que hoxe -onte, para vostede- publica este xornal sobre o canellón sen saída no que se atopa a investigación do crime do non xustamente chorado e moito menos reivindicado, don Adolfo, o cura de Vilanova.

Leo iso e solidarízome profundamente coa Garda Civil e dun xeito moi especial co equipo investigador, pola decepcionante sensación de impotencia que deben levar sufrindo ó longo de todo este último ano, dende que aquela intensa fin de semana do mes de xaneiro do 16 desataron a operación e puxeron ós dous familiares croatas perante a xustiza.

E digo isto porque, tal e como recolle a información, pregunte un onde pregunte no entorno do instituto armado, non hai voz que non afirme que para eles a investigación está concluída con dous únicos sospeitosos -tío e sobriño croatas- sobre os que converxen tódolos focos da esculca.

É certo que unha cousa son os indicios (en dereito, circunstancia que lle dá a un feito un carácter de verisimilitude) cos que a investigación pode actuar en primeira instancia e outra sensiblemente diferente son as probas concluíntes nas que a xustiza debe alicerzar calquera decisión de castigo, sobre todo penal, pois xa se sabe aquela máxima que di que é preferible un reo absolto ca un inocente condenado.

E se ben isto é tan certo coma que don Adolfo xa non está connosco, non menos certo é que o pobo ten dereito a saber por qué, empezando polos familiares directos e continuando polos seus feligreses, cos que compartiu máis de medio século de vida e cos que, polo tanto, dende o punto de vista afectivo, cando menos, mantiña unha relación familiar de facto.

Por iso que, máis alá de que a xustiza teña argumentos de seu para non actuar, hai algo que cae de caixón. Isto é, que existe unha evidente contradición entre a interpretación dual dos indicios ou das probas recompiladas na investigación: A policial e a xudicial.

Contradición ou confrontación de pareceres que alguén ten a obriga de explicar -non sei se a xuíza, se os mandos da Garda Civil ou se os responsables políticos da seguridade do pobo- denantes de que a titular do xulgado decrete o arquivo da causa. Porque, como acabo de escribir, igual que os sospeitosos teñen dereito á presunción de inocencia, os afectados directos e indirectos, tanto polo crime de don Adolfo como pola desaparición da imaxe da Virxe do Cristal, teñen -temos- dereito a saber o porqué desas diferencias de criterio que só nos saturan de incógnitas.

Porque unha cousa é farto evidente. Don Adolfo non morreu. Batéronlle e asasinárono. De aí que, se eles non foron, alguén anda pola rúa, impune. E se alguén anda por aí coma can polo patio da casa, nin unha xuíza de primeira instancia nin o Tribunal Supremo teñen dereito ningún a botarlle o candado á causa.

Te puede interesar