Opinión

Tempo de queimar

Hoxe, cando escribo, despois do vendaval de auga e vento que cruzou de sur a norte as terras altas de Amoroce -onde vivo- dificilmente podería desencadearse nestes intres algún incendio forestal.

Non foi o caso, sen embargo, de días precedentes, cando tódolos lectores deste xornal puidemos ver en foto de José Paz ó alcalde da Merca en primeira liña de fogo, co batelume na man, amosando esa outra cara que non se destaca case nunca dun alcalde e que tanto ten que ver cos verdadeiros valores do servizo público ó que a grande maioría dedican as vintecatro horas do día, por máis que logo sexan metidos todos noutros sacos por culpa duns cantos langráns.

Non é a primeira vez que Manuel Velo se ten visto na obriga de enfrontarse á cara máis traidora do lume. Se ben, noutros casos o enfrontamento tivo lugar en plena época estival, con preto de corenta graos de calor á sombra e co chan sementado de carqueixas, toxos e xestas transformados nun inmenso depósito de gasolina a piques de rebentar.

Aquilo si que era contra natura e se o lume non cobrou daquela algunha vida foi porque, despois de tantos anos de loita estival, os equipos que traballan cada ano contra a lacra están tan especializados que saben perfectamente por onde o teñen que atallar.

Outra cousa é que os incendios teñan lugar neste tempo de inverno que acabamos de inaugurar, porque, malia que nos pese, dende que os tempos son tempos, estes meses que comezamos a ultrapasar dende o día do solsticio ata case a chegada do período equinoccial, son tempos de incendios. Así foi dende que o home comezou a sedentar e así será en canto a humanidade precise traballar a terra para sacar dela o froito que nos alimente a todos, aquí e acolá.

E non é que eu me volvera agora un pro-pirómano invernal. Nin moito menos. Senón que non fago outra cousa ca constatar o que está escrito en tódolos manuais forestais e en tódalas tradicións culturais ligadas á terra. É dicir, que o chan precisa rexenerar refugallos para volver darlle vida a novos productos vexetais. E, polo pouco que sei do que estou escribindo, non hai mellor xeito de rexeneralos ca queimalos e así transformalos en minerais.

Por iso, máis alá da "apurada" que esta fin de semana levaron Manolo Velo e os seus veciños de Olás da Merca, sorprendeume escoitar ó presidente de Cantabria -o ínclito Revilla- utilizar os mesmos argumentos -pero no inverno, que é tempo de queimar- que cada verán usan os responsables galegos. A saber: "Calor, sequidade no chan e delincuentes..." Si, moitos delincuentes anónimos cos que tratar de ocultar a impericia gubernamental para xestionar un ben tan prezado como é o monte, que tan ben nos come como nos asa por non sabelo administrar.
 

Te puede interesar