Opinión

Os que teremos que remar...

Por iniciativa deste xornal, nantronte unha ampla representación da sociedade ourensá tivo oportunidade de contemplar diversas perspectivas sobre cómo a chegada do tren de alta velocidade influíu, está influíndo ou pensan alí que influirá no seu desenvolvemento urbano ou mesmo provincial. Sevilla -que foi a pioneira-, Zamora -que será, polo de agora, a última no tocante ó trazado que nos interesa ós ourensáns-, Málaga e Valladolid, foron os exemplos concretos seleccionados para darnos a coñecer as súas experiencias socioeconómicas e algunhas cifras xeradas por ese "Cristo dos tempos modernos" que agora viaxa a moita máis velocidade do que o facía no século XIX a máquina de vapor que inspirou o entrecomiñado que o poeta inseriu cando aquela chegou a Ourense por vez primeira.

Como acabo de sinalar, a maioría -agás Zamora, que aínda non tivo tempo de avalialos- centrouse na presentación de cifras relativas ó incremento de visitantes a cada unha desas cidades, así como ó desenvolvemento que a nivel urbanístico promoveu no entorno máis inmediato das estacións, e tamén na maioría dos casos fixérono centrando as súas intervencións no sector do turismo e do comercio, que é, no que segundo transcende de informacións locais e debates políticos, no que dalgún xeito tamén se centra a esperanza da meirande parte dos ourensáns.

Será, probablemente, por esta razón ou porque os datos estatísticos son excesivamente fríos e os que son bos para un lugar se cadra non o son tanto para outro, que eu quixen quedarme dun xeito especial coa reflexión que fixo o representante da Confederación de Empresarios de Valladolid, Grergorio Alarcia.

Dixo, este especialista en urbanismo, que el ía ser unha especie de "Pepito Grillo" na súa exposición por que ía desmitificar a relación causa-efecto no que supón a chegada dun tren de alta velocidade a unha cidade, asegurando que non foramos pensar que dun xeito inmediato a chegada do AVE a Ourense fose provocar a eclosión económica da cidade e a solución a tódolos problemas do futuro provincial, porque, entre outras cousas, no seu Valladolid natal -que conta con AVE dende o 2007- non aconteceu tal, nin moi remotamente, por máis que alí teñan, igual que en Ourense e dun xeito potencial, unha extensa rede comercial, un turismo cultural certamente interesante, unha prestixiosa universidade e máis dun parque empresarial que non recibiron empresas a mans cheas, malia que moitos o couberan esperar.

O que dixo -e eu comparto- é que o AVE -coma as autoestradas- poñen as condicións e facilitan o seu desenvolvemento. Pero os que teremos que remar -se fose posible, todos no mesmo sentido- para transformarmos a cidade e o resto da provincia non seremos outros cós ourensáns.

Te puede interesar