Opinión

A terra pide pobo

Querido Alberto:

Unha vez máis, dende o afecto que sei e sabes que nos profesamos dende que ti viñas sendo algo así coma o Balbino a piques de ser algo máis ca un rapaz, e eu, o mesmo ca hoxe sigo sendo, un “ninguén de acolá”, permíteme que che escriba estas letras ó mesmo tempo que ti e os teus debedes andar mergullados en algoritmos, estatísticas, aritméticas e todo canto iso significa para poder explicar o que xa todo o mundo intúe.

Provocoume compoñelas -estas letras, digo- unha visión fuxidía da túa imaxe sen voz nun plasma dunha cafetería, é de supoñer que teorizando sobre os resultados de nantronte, mentres ó teu carón estaban, coma garda suíza sen uniforme, o vicepresidente da Xunta e o último conselleiro que incorporaches ó executivo da "factoría" para, presumiblemente, xestionar políticas que ti mesmo -creo- debías liderar.

Certamente non sei qué foi o que acendeu a chispa da idea que me abrollou, pero cando vin a pantalla silandeira dende a barra do bar dixen para min, xa teño título para a columna do solsticio, esta mesma que agora ando a artellar.

Se cadra foi -xa lembro-, porque as terras que representan os dous anxos custodios que permanecían ó teu carón (ou sexa, as terras -ou as feridas- de Pontevedra-Vigo e A Coruña-Ferrol) non paran de trasfegar votos vosos cara outras formacións, malia que o teu esforzo xestor se teña centrado fundamentalmente nelas, seguindo esa máxima elemental -pero ¡tan inxusta!- da regra de tres directa entre investimentos e poboación local.

Sei que fuches valente e responsable cando te viches na obriga de darlle unha volta e media cara atrás á billa para evitar o colapso económico na Xunta e a parede -unha vez testemuñei da túa propia voz ese símil- mantívose en pé, mesmo a costa da túa propia imaxe política para unha parte do noso tecido social.

Pois ben, nestes intres de incertezas individuais e colectivas, pídoche humildemente que manteñas a mesma responsabilidade e a mesma valentía para que, no tempo que che queda á fronte da Xunta de Galicia, ordenes executar de vez -e sen demora- políticas enérxicas de reactivación económica e impulses medidas lexislativas varudas que procuren o reequilibrio demográfico. Ese que, como ti ben sabes ten feito escorar tan perigosamente a Galicia cara o mar.

Houbo un tempo, cando os foros comían á mesa dos homes sen pan, no que o pobo pedía terra para poder traballar. Agora, sen embargo, a terra pide pobo, como reza o titular. E a túa obriga como gobernante serio e capaz é tratar de procurarllo. Ou, pola contra, correr o risco de pasar á historia coma o autor das primeiras letras do noso epitafio social: "Morreu de inanición. Descanse en paz"

Te puede interesar