Opinión

U-la xestión cultural?

Dende un recanto perdido da Galicia arraiana, esa que tan lonxe queda para a cultura xeocéntrica compostelana, sigo con atención os cambios que acaban de teren lugar no Consello da Cultura Galega, órgano estatutariamente consultivo dende a súa promulgación polos galeguistas que foron quen de se manteren espertos tralo paso da longa noite de pedra e que por veces semella ter funcións dunha consellería de Cultura paralela. Sigo atentamente esas evolucións, que deron cabo, esta semana, coa xubilación do seu omnipresente presidente, Ramón Villares, e dalgúns outros xestores principais e acabaron abrindo a fiestra, non para ver o mar -coma Rosalía- senón para seguir a tendencia de empodeirar –que se di agora- á muller, porque xa toca.

A lingüista Rosario Álvarez foi quen tomou o relevo do historiador da Terra Cha luguesa, por unha secuencia lóxica, non en van xa viña exercendo a vicepresidencia, que agora pasa a mans do catedrático ourensán, Xosé Manuel Núñez Seixas, mentres que a secretaría continúa nas mans da mesma muller que xa a viña ostentando dende o ano 2016, a tamén lingüista, Dolores Vilavedra.

Permítame, benquerido lector, pedíndolle ó mesmo tempo que non lea nas seguintes palabras nada que se afaste do significado literal delas, que faga unha paréntese para sinalar unha singular circunstancia  coincidente con este cargo secretarial, xa que logo, no seu consorte conflúe dende hai poucos anos tamén a secretaría da Real Academia Galega, dándose o caso curioso -non máis-, de que no almorzo dunha soa mesa é posible dar fe do que consumen as dúas entidades culturais galegas de máis alto rango institucional e meirande orzamento económico.

Feita a paradiña, pídeme o corpo continuar debullando o novo equipo directivo da entidade, non tanto en nomes coma en funcións, pois nela noto unha eiva importante, polo que me gustaría suxerir que do mesmo xeito que tiveron tino en corrixir a débeda histórica feminina, lle aplicasen o mesmo coidado tamén para corrixir unha eiva que penso importante e que non foi corrixida desta volta.

Vexo que no órgano de dirección contémplanse as seccións de Ciencia, Natureza e Sociedade; a de Creación e Artes Visuais Contemporáneas; a de Lingua, Literatura e Comunicación; a de Música e Artes Escénicas; a de Patrimonio e Bens Culturais, e  a de Pensamento e Sociedade, así como as comisións técnicas de Igualdade, de Acción Exterior, do arquivo da Emigración Galega, do Arquivo Sonoro de Galicia, ademais do Centro de Documentación Sociolingüística.

O que non vexo, sen embargo, tratándose como se trata do Consello da Cultura Galega, é a presencia dunha sección dedicada á xestión cultural pura e dura, á que nos dedicamos actualmente máis dun milleiro de profesionais galegos.

Non sei se os ecos destas liñas chegarán nalgún intre ó segundo andar do Pazo de Raxoi. De ser así, non estaría de máis que a masa gris que alí se cita, lle poida dar a isto unha pensada.

Te puede interesar