Opinión

Un afiador en Alhoceima

Estaba na sala de profesores do Instituto Español "Melchor de Jovellanos" de Alhoceima, que é como lle chaman os nativos rifeños á Alhucemas que coñecemos nós de vela, sobre todo, nos libros de historia do século XIX e do XX. Unha historia nada lustrosa para España, debemos dicir de paso.

Non lembro quen é o seu autor porque os nomes árabes, tal como entran por un oído, así mesmo marchan, zoando polos riscos da memoria entre haches aspiradas, emes pechadas e vocais intermedias, que non permiten ningunha retención.

O escenario pintado en acuarela era a praza onde está ubicado o pequeno hotel colonial que nos acolleu estes días –o hotel Villa Florido-, pero nunha escena dos anos 50. Por iso reparamos nel. Unha praza espaciosa pero de minguadas dimensións, rodeada de casas brancas e do edificio da antiga estación de autobuses, así como doutro edificio a carón que acollía un gran estudo de fotografía, "Foto España", cuxo cartel anunciador aínda se mal conserva hoxe por baixo do friso do tellado lateral. Da estación de autobuses, nin rastro. E no paseo, dúas ou tres mulleres con vestidos occidentais, coma saíndo da cafetería do hotel, a mesma na que almorzamos estes días unhas torradas con aceite que me souberon a gloria bendita.

Arestora estará preguntando por que me deteño na descripción dun cadro calquera, de non moito valor, colgado na parede dun colexio a tan longa distancia de nós.

Pois ben, detéñome porque, formando parte do cadro costumista, so a medias, alí estaba a roda do afiador. Para ser xustos na identificación de contexto, debería escribir só a roda, pois o afiador xa non forma parte do marco, simplemente porque foi o punto onde o pintor decidiu cortar o encadre. O cal non lle resta nin moito menos valor á obra, que sen ser unha singular obra de arte, cumpre perfectamente a súa función, segundo nos explicou Dionisio Pereira, o noso ilustrado acompañante, guía e protector, e profundo coñecedor da historia do Rif, onde leva residindo os últimos seis anos xunto coa súa compañeira Lola Varela, directora ata dentro de poucas semanas do devandito colexio español.

Hai xente que cando camiña tropeza coas pedras. Eu, afortunadamente, non. Pero si que teño a rara condición de tropezar con ourensáns -o mesmo Dionisio Pereira é ourensán de Monterrei pola banda paterna- ou con vestixios de Ourense, cada vez que pouso os pés nalgún lugar do mundo.

Velaí pois, como aínda sen velo, tropecei cun "afiador" en Alhoceima. E digo ben, tropecei con el, porque Dionisio teno localizado, ben documentado e prometeu pasarme a súa identificación, que lle farei chegar de contado ó amigo Florencio de Arboiro para que continúe con ese inxente labor de lograr abrir o museo do afiador. Un museo polo que tanto tempo levamos esperando. El e nós.

Te puede interesar