Opinión

Un caso paradigmático

Igual que fixen hai unhas semanas, non é obxectivo desta columna mergullarse na letra pequena da problemática que arrodea ó complexo conflicto da retirada ou non do servizo de atención ó parto no hospital de Verín, porque, como vostede pode entender, hai moitos fíos tecnico-sanitarios e institucionais que se me escapan e calquera deles podería facer baixar a balanza cara un ou outro brazo da razón.

Non quita isto, sen embargo, que teña sacado algunhas conclusións máis de fondo con todo o que temos ido sabendo pola prensa ó longo destas semanas, incluído o aproveitamento partidario que me dá que tamén se ten dado nalgún caso e que –sinceramente- provoca algo de vergoña allea.

Visto agora o conato de recuamento que apuntou nantronte o presidente da Xunta, interpreto eu que estamos fronte a un caso paradigmático da equivocada -ó meu criterio- perspectiva coa que dende hai tempo se ve a Galicia interior, non xa dende a presidencia, senón no conxunto do organigrama xestor ou con poder de decisión da Xunta. E trato de explicarme.

Se a Xunta de Galicia está apostando, dende que o presidente asinou un compromiso persoal co medio rural na súa toma de posesión, por axudar a revivir a actividade económica e social nas zonas ameazadas con quedaren a monte, e está fornecendo con recursos económicos os departamentos que deben dedicarse a elo, denantes de poñerse a planificar novas estratexias e a esculcar ideas máis ou menos novidosas por aquí e por acolá para recuperar o campo, a gandería e determinados servizos en segundo que lugares, denantes –repito- resulta lóxico pensar que se deberían utilizar eses recursos para evitar que se desmantelen os servizos que xa existen.

Se tiveran claro isto e o único problema de Verín fose que non existen pediatras no mercado laboral, humildemente creo que, previo á toma da drástica decisión de "deixar morrer ó doente", o que terían que ter feito antes debeu ser mirar se o doente "podía ser operado".

Dito noutras palabras máis directas, o que un leigo na materia entende que a Consellería de Sanidade debeu facer, foi procurar pediatras debaixo das pedras e non lanzarse coa “puntilla” sobre a caluga do touro como fai o toureiro desesperado porque o touro non da morrido. E logo, se certamente resultase que se esfumaron os pediatras todos do mundo, entón tomar a decisión de pechar a porta. E non ó revés, que, polas palabras rectificadoras do Presidente, semella ser o que ten sido feito.

É dicir, como primeira opción para manter o medio rural vivo, a Administración debería ter a obriga de garantir a existencia dos seus servizos ata as últimas consecuencias. E non ampararse na previsible morte do medio rural para, precisamente, xustificar a retirada destes servizos por unha mera cuestión economicista.

Te puede interesar