Opinión

Un coche secuestrado

Para comezar voulle facer unha pregunta que lle pido que lle dea contestación denantes de seguir lendo. Se vostede se achega a unha cidade calquera -non fai falta que estea moi alonxada- un sábado pola tarde, para realizar unhas dilixencias que coida que non lle levarán máis alá das dúas horas ou das dúas horas e media e chega a media tarde, ocórreselle mirar no estacionamento no que decide gardar o coche o horario de apertura e peche, tanto diario como semanal, por máis que estea escrito no limiar da porta de acceso?

Se é unha persoa máis ou menos normal, é dicir, confiada nos usos e costumes sociais que todos temos máis ou menos asumidos, como pode ser que en cada localidade hai sempre unha ou varias farmacias de garda, taxis en parada fixa ou circulando pola rúa ofrecendo o seu servizo, un caixeiro para sacar diñeiro e tantas outras cotidianidades de uso común que agora se me escapan, estou seguro de que sairía  -coma min- do estacionamento completamente confiado de que o seu horario de peche non se adiantaría a menos da media noite.

Pero velaí que non. Que con tódolos parkings públicos que hai repartidos por rúas e avenidas do centro da cidade de Vigo, o pasado sábado (coma se nacese predestinado para elo e todo o que me tiña acontecido na vida ata ese preciso momento estivese encanellado para que ese día a esa hora entrase por aquela porta) déuseme a min por meter o fuciño do coche no que debe ser o único estacionamento do mundo que un sábado pola noite pecha ás 22,30.

Tal foi así que de súpeto, cando alá por preto das 23,00 quixemos acceder ó recinto para realizar a viaxe de volta para Celanova, atopámonos coas portas pechadas a cal e canto e sen un triste número de teléfono ó que transmitirlle a nosa "desgracia" co fin de que se apiadasen de nós e nos devolveran o coche "san e salvo" de tan estúpido secuestro.

Si, xa sei que os papeis están para seren lidos -tal como me dixo unha parella da policía municipal que o único que fixo foi darnos conversa e máis razón ó propietario cá nós mesmos-, que as normas son as normas e que había outros estacionamentos que se manteñen abertos toda a noite. Xa sei todo iso. Pero igual que un non lle pregunta a idade á persoa que o atende, cando o atende, pois tampouco anda lendo tódolos papeis, carteis e panfletos que están colocados en tódolos establecementos nos que entra ó cabo do día, porque acabariamos tolos.

E digo o da idade, porque o luns, cando volvín a Vigo para rescatar o coche de tan absurdo secuestro e pedín a folla de reclamacións, o encargado que ma facilitou volveume co rosario das normas, de que hai que ler os papeis, etc., etc.

O que non me soubo explicar o interfecto, foi que pintaba alí a persoa que me atendeu –que superaba con creces os 80 anos-, cando llo recriminei. Cousa que non pasou de aí e que non incluín na folla de reclamacións porque, sinceramente, o homiño deume pena cando o vin desaparecer por tras de min coma un canciño co rabo entre as pernas.

Te puede interesar