Opinión

Unha primeira alianza

Ocórreseme pensar en California pola actualidade dos seus macroincendios forestais e porque as persecucións nas películas dos anos 80 convertían os coches-barcos desa época en auténticos vehículos de goma que tan ben botaban e rebotaban nesas pendentes de tobogán que son as rúas montesías de San Francisco, como chocaban entre eles sen que nunca pasase nada.

Sérveme esa imaxe, agora actualizada en persecucións policiais xa reais por amplas autoestradas á procura dalgún fuxido que despois de adiantar pola esquerda e pola dereita, acaba deixando a furgoneta estacionada nunha beira e fuxindo por riba da alambrada, cando non engarrado na alambrada para xubilo dos abafados policías e tranquilidade do piloto que os perseguía a todos.

Sérveme esta imaxe, digo, para ilustrar o razoamento que quero enfiar hoxe ó abeiro do encontro que está tendo lugar esta semana no parador de Santo Estevo, promovido polo Campus ourensán da Universidade e no que se está levando a cabo unha especie de tormenta de ideas para analizar cara onde está encamiñado o futuro do medio rural e dun xeito xeral, o futuro diso que teñen dado en chamar a "España vaciada", termo que a min, por certo, non me gusta nadiña.

Falaba eu, nantronte pola tardiña, cos meus contertulios de mesa arredor de posibles iniciativas xenéricas necesarias que se deberían propoñer en grandes alianzas co fin de convertelas en propostas capaces de mudar tendencias, dunha necesidade imperiosa de instalar na información cotiá (non só en programas residuais ou folclóricos que acaban caricaturizando o medio rural) novas que axuden a animar á xente moza a apostar por vivir no medio rural malia que acaben traballando na cidade.

Entón foi cando pensei eu na imaxe das grandes persecucións de California porque -non sei se se terá decatado- dende hai xa bastante tempo practicamente en tódolos telexornais hai unha sección non subliñada na que concorren unha xeira de pezas informativas nas que nos contan anécdotas máis ou menos lesivas, máis ou menos curiosas ou máis ou menos impactantes, que acontecen na América profunda, nunha macrocidade descoñecida da China ou en calquera aldea remota da India e que non nos interesarían o máis mínimo se non fose porque a propia televisión nolas colocan con lentes de aumento perante dos nosos ollos.

Pois ben -pregunto-, por que os grandes medios non substitúen esas baratixas informativas por unha sección diaria na que teñan presenza real informacións e aconteceres que directa ou indirectamente reivindiquen o medio rural ligado á calidade de vida?

Non sería, esta, unha primeira e ben efectiva gran alianza?

Te puede interesar