Opinión

Vacas, coches, teléfonos e cans

Leo que a terceira parte dos concellos da provincia xa teñen máis coches ca xente e váiseme a idea, por asimilación literaria cos relatos dos anos 90 de Manuel Rivas, ó número de vacas que pode haber, así como o número de teléfonos móbiles e de cans.

Loxicamente os números estatísticos son, a miúdo, algo enganosos e probablemente neste caso respondan a ese axioma, sopena de que nos concellos onde menos xente -e máis maior- hai, se dea o caso de persoas que teñan máis dun coche por cabeza.

Por darlle unha explicación, poderíamos falar, por exemplo, do número de emigrantes que residen todo o ano fóra do país, pero manteñen nas súas casas da aldea o seu -ou seus- coches para o uso estival, ós que probablemente lle haberá que sumar todos aqueles que poidan estaren aínda dados de alta nos padróns municipios, por máis que xa teñan pasado, tempo hai, por algún desguace.

En calquera caso, non deixa de ser unha demostración máis desa contradición -tan repetida e en tantas ocasións, nesta columna- que se dá na nosa sociedade, sen que ata o de agora a teñamos sabido explotar e que ven a dicir que curiosamente onde máis calidade de vida se dá, é onde menos xente convive. En fin..!

Non sei se esa ratio se reproduce nas mesmas ou semellantes porcentaxes coas vacas (ogallá!), cos teléfonos móbiles e cos cans.

Habería que ir ós anuarios estatísticos, pero non é o caso. De tódolos xeitos eu malicio que en ningún dos tres se repite a maioría fronte ós datos persoais, aínda que os móbiles seguro que lle andan moi preto, non en van as aulas informáticas que a Xunta e os Concellos teñen a funcionar por moitos lugares da provincia levan feito un labor importante para achegar á xente maior á tecnoloxía da comunicación telefónica e, afortunadamente, máis que común é habitual ver a señores e señoras de máis de 80 anos co seu "smartphone" na man, fedellando nel con total normalidade, na casa, na rúa ou nun bar.

Outra cousa son os cans, que en moitos casos teñen substituído a familiares na compaña das persoas maiores que viven soas -que hai moitas-, pero non se achegan nin de lonxe ós habitantes, por máis que vaiamos de mingua en mingua, ata a mingua total.

Cal é a solución para que estas comparativas revertan? Como diría o italiano, “Chi lo sá!”

Velaí ven a campaña electoral que de novo abrirá a caixa de Pandora con tódalas solucións máxicas que poidamos imaxinar... Iso si, ata o 6 de abril. Logo, deus dirá...

Te puede interesar