Opinión

A velas vir

Había ben tempo que non lía esta expresión -tan nosa no ámbito das relacións familiares ou de achego- pronunciada por boca dalgún político.

Como digo, é doado escoitala nun entorno familiar ou de amizades en calquera conversa cotiá, cando alguén do colectivo queda, por algunha causa, -digamos- fóra de xogo.

Pero lela ou escoitala como unha expresión que resuma a situación na que queda un político cando non consegue o cargo que ambiciona, é certo que non é doado que alguén a exprese. Sobre todo publicamente, xa que pola calada estou seguro de que están á orde do día algúns que a pronunciaron nos últimos meses, andando como andamos cara unhas eleccións e, polo tanto, haberá aínda que sinta o formigueiro nas meixelas polo zafanón recibido ó non resultar elixido na terna ou no cuarteto de calquera formación con posibilidades de acadar resultados positivos e que agora ultiman os derradeiros pasos ata que na noitiña do domingo saiban efectivamente se os seus días miran cara Madrid.

É dicir, "a velas vir" xa quedaron aqueles que non foron elixidos polas súas formacións políticas (algúns con estrondo mediático de cohetes) para formaren parte da candidatura. E "a velas vir" quedarán o próximo domingo aqueloutros que polo de agora abranguen aínda algunha ilusión e que por decisión popular e democrática non conseguirán os votos suficientes para estaren entre os 4 deputados ó Congreso que lle corresponden á provincia de Ourense e entre os outros 4 senadores que tamén lle corresponden en virtude de lexislación electoral.

E "a velas vir" quedaron, polo visto, dous concelleiros de Rairiz de Veiga, logo de que o anterior alcalde decidise finalmente baixar da montaña rusa na que a xustiza lle transformara a cadeira da alcaldía e o resto de concelleiros do grupo de goberno decidiran que unha moza de 29 anos fose a súa substituta no cargo e se convertera nunha das alcaldesas máis novas da provincia.

"A velas vir...", dis que quedaron. E polo que transcende das declaracións recollidas no xornal de onte, semella que nada contentos. Non en van o seu compañeiro seica tamén dixo: "Teño tapado moita merda e non vou tapar máis".

Outra expresión para enmarcar, sen dúbida! Ou para colocar de mascarón de proa ou rosario de cabeceira da política municipal, agora que tanto se fala -faime gracia- de rexeneración política.

Te puede interesar