Opinión

A velas vir

Oque vou contar aconteceume hai poucas semanas no transcurso dunha cea fóra desta provincia.
Era unha cea agradable na que se daban cita algunhas xentes xa entradas nunha certa idade, entre as que me contaba eu, e tamén xentes mozas que hoxe teñen a súa vida profesional fóra, pero que contan en todo caso con profundas raíces ourensás.

Falando de Ourense e doutras moitas cousas, nun intre determinado, non sei cómo chegamos a falar da innumerable "colección" de cregos que ó longo da historia ten atesourado o municipio de Cartelle (probablemente o municipio con máis curas por km cadrado que se coñeza) e  que darían -o meu benquerido amigo e compañeiro de páxina, José Carlos Fernández Otero, non me deixará mentir- para unha ampla e documentada tese de doutoramento.

Entón eu puxen como exemplo un que ó meu ver salientou por riba de tódolos demais e dixen: "Por ter, ten a un gracias ó cal Fidel Castro e a Revolución chegaron ata os nosos días".
As miñas palabras soaron, entre o balbordo comedido do restaurante, coma unha orde de silencio ar!, e todos quedaron ollando para min coma se de súpeto se convertesen en espantallos.
"Si, é certo", continuei eu apurando as palabras para acertar a dicir o seu nome e ver se había alguén que fixese asunción delas. "Chamábase Enrique Pérez Serantes -acelerei eu o noticiario- e por mor da súa intervención, Fidel e tódolos que organizaron o asalto ó cuartel de Moncada non foron fusilados por Batista, cousa que lles serviu para fuxir para Sierra Maestra e dende alí reorganizar a revolución".

Mesmo para documentar as miñas palabras tiven que botar man do teléfono móbil e amosarlles na rede algunha información na que aparecía un libro publicado hai uns anos Ignacio Uría e que leva por título "Iglesia y revolución en Cuba: Enrique Pérez Serantes, el obispo que salvó a Fidel Castro".
Conto esta anécdota como unha máis das infinitas vivencias que manteñen intimamente ligadas a Cuba e a España, a última que acabo de ler e máis simbólica aínda é que hoxe, probablemente cando vostede estea a ler isto, o presidente dos Estados Unidos de América está a pronunciar o discurso central da súa estadía cubana no hoxe denominado Gran Teatro de La Habana e que os galegos coñecemos moi ben e identificamos fotograficamente aínda moito mellor, por máis que nunca estivésemos nel, como o Centro Gallego da Habana.
É dicir, Galicia está permanentemente presente nun país irmau que camiña inexorablemente cara un futuro mellor e España -ou, mellor dito, o goberno español, agora en funcións- leva anos "a velas vir" coma se a historia e o porvir non fosen con eles.

Te puede interesar