Opinión

De vías, aerovías e autoestradas

Por fin comeza a espreguizarse socialmente a vella reivindicación, durante moito tempo liderada soamente por este xornal, que pide xustiza histórica e unha comunicación á altura dos tempos, entre Ourense e Lugo, as dúas únicas cidades galegas que faltan por conectar a través dunha autovía.

"Xa era hora! Rediós!, diría o vello do Nouturnio de Curros, mirando ó sapo "cro cro", arrimado ó seu pau de sanguiño. E xa era hora, repito eu, coa mesma exclamación enfática que a ancestral incomunicación entre as dúas cidades máis históricas de Galicia, esixe.

Pensaba eu nisto, nantronte pola tarde, cando na amena compaña de Jesús Manuel García tiven o pracer de percorrer os tres espazos expositivos nos que se distribúe a mostra sobre o tempo dos suevos que ó longo destes últimos catro meses teñen colocado a Ourense dentro do prestixioso marco do turismo cultural da península ibérica.

E pensaba nisto porque -se vostede a visitou e moi posible que se decatara coma min-, chamoume a atención que en practicamente ningún dos mapas explicativos da mostra nos que se sinalizan diversas rutas de comunicación entre as principais localidades da Gallaecia aparece trazada, nesa época, ningunha vía entre ámbalas dúas cidades.

Sinceramente descoñezo as razóns, pois é evidente que na época xustamente anterior, é dicir, nos estertores da romanización, as dúas cidades contaban con sarillos sociais suficientes como para que existira entre ámbalas dúas algunha relación comercial, do mesmo xeito que existía entre Ourense e Chaves ou Lugo e Astorga, poñamos por caso.

É certo que non llo preguntei e, polo tanto, quedei conscientemente coa dúbida. Unha dúbida que, en todo caso, tratarei de saldar a próxima vez que coincida co comisario da exposición, Jorge López Quiroga.

É evidente que algunha razón haberá. Como tamén é evidente que a historia tennos dado mostras abondosas do seu carácter cíclico. E, dentro da historia, cíclicas son tamén as relacións socio comerciais e xeopolíticas, polo que é moi posible que o que no século III ou IV tivera vitalidade puidese esmorecer a partir do século V e volver recuperarse cando a era se achegaba ó primeiro milenio. Son espazos de tempo o suficientemente longos como para que acontecesen milleiros de cousas das que non sabemos absolutamente nada.

O que si sabemos é que hai dous mil anos Ourense e Lugo -mellor dito, Braga, Ourense e Lugo- xa estaban aí e comunicábanse entre elas, polo que estou seguro de que non haberá que esperar a que remate o terceiro milenio para que un Carriarico Feijóo do futuro decrete a construcción dunha autoestrada cando xa os nosos descendentes só viaxen por aerovías.

Te puede interesar