Opinión

... xa o recollemos nós!

Non é a primeira vez que me acontece e con frecuencia trato de reprimirme porque sei que ó iniciar a conversa vou xerar un intre de tensión que será maior ou menor en función do grao de descaro que teña a mocidade á que lle vou chamar a atención.

Constitúe un feito bastante común na miña cotidianidade que a distintas horas do día me adentre no antigo claustro procesional do mosteiro da miña vila e como, por cuestión de accesibilidade a varias dependencias adoita estar aberto dende que o sol se anuncia nas primeiras horas da mañá no reloxo de pedra de nacente ata que marca as derradeiras do ocaso no de poñente, é bastante común tamén que haxa mozos e mozas nel, ó fresquío das tardes de verán ou ó acollido da invernía, cando non transformando o verde cuadrilátero nunha sorte de campo de fútbol. É o eterno debate que xira aquí e acolá arredor dos usos e da conservación do patrimonio monumental que nos foi legado. Eu sei ben o que penso, pero iso será, se cadra, fariña para outra fornada.

O caso é que cando atopo a algúns comendo pipas e outras lambetadas e tirando as casas ó chan, trato de recriminarlles, con educación pero coa cara seria, que se non recollen eles os desperdicios, alguén os vai ter que recoller, o que ten provocado en máis dunha ocasión algunha resposta impertinente por parte dalgún mal educado, do tipo: ¡Para iso lle pagan ós barrendeiros!

Amoso esta estampa persoal porque a min sempre me pareceu irresponsable que a Administración faga deixación de funcións cando se celebran eses macrobotellóns -venme á idea a praia de Riazor despois das cacharelas de San Xoán- e ó día seguinte os exércitos de intervención inmediata dos servizos de limpeza da cidade ocupan toda a xornada laboral para retirar bolsas, botellas e refugallos comestibles, cando sería moi doado que a mesma persoa que levou ata alí a bolsa, a devolva con el para o seu propio contedor de residuos.

Pois ben, aínda que hai unhas lixeiras diferencias de contexto, algo así foi o que me pareceu a min o decreto que onte aprobou a Xunta de Galicia, respecto dunhas axudas que seica vai conceder para tratar de reparar os danos causados polos lumes de agosto.

Si, xa sei que aquelas persoas que resultaron danadas polo lume non van pensar coma min e agradecerán profundamente calquera achega que lles axude a paliar as perdas sufridas. Como tamén sei que haberá quen diga que a miña conclusión vai ser un pouco infantil.

Ora ben, no fondo non me diga que este tipo de medidas políticas non fan outra cousa ca afondar no mesmo erro cós botellóns, xa que logo, deste xeito a Administración non está senón dicíndolle ó administrado: "Ti deixa o lixo no areal que nós imos recollercho".

Dito doutro xeito: Non sería moito mellor, no canto de estar queimando o diñeiro neste tipo de axudas rexeneradoras, investilo axeitadamente no inverno e así evitar, precisamente, que cada verán nos arrasen os incendios?

Te puede interesar