Opinión

¿Que xulga un xuíz?

Sei, abofé, que haberá quen pense que o que estou a facer é unha defensa argumental a favor do expresidente da Deputación provincial, nestes intres de acoso e derrubo ó que ten sido sometido co mazo xudicial.

Nada máis lonxe da miña intención e da realidade (e si, tamén sei iso de "excusatio non petita..."), pois como resulta obvio el xa ten avogado defensor nas distintas causas polas que camiña estes días e polo tanto nin me precisa a min, que ademais non sei nada de dereito, nin a ningún outro columnista, porque alén diso el só tamén sabe defenderse bastante ben.

Ora ben, como persoa que gusta de analizar a actualidade dende perspectiva propia e non dende unha visión comunmente por simple empatía, e logo expoñela perante vostede, benquerido lector, por iso é polo que me deteño na análise de determinados detalles coma o da "foto" solitaria desoutro día ou coma nalgúns apuntes ou conclusións ás que chegou a fiscalía no derradeiro devalar da vista.

E unha das que debeu resultar máis chamativa por ter sido amplamente recollida nos titulares que cubriron o "visto para sentencia", foi esa na que o fiscal lle pide á xuíza "una condena ejemplar" que sirva como "una llamada a navegantes", porque -repito palabras publicadas, así entrecomiñadas- "junto con el presidente de la Diputación se sientan en el banquillo una manera de hacer las cosas, una idea de lo que es la administración pública, el servicio a los ciudadanos".

Pois ben, lido isto, as preguntas que me xorden (e non con dobre sentido, senón por mera ignorancia iletrada) son as seguintes:

¿Que xulga ou que debe xulgar un xuíz ou, coma neste caso, unha xuíza?

¿Uns determinados -e presuntos- delitos en base a unha serie de probas e evidencias? ¿Ou a política unipersonal de José Luís Baltar en base a consideracións puramente políticas?

¿Ten potestade un fiscal para tomar a parte polo todo e, co gallo da tramitación deficiente dun cento de contratos, ir moito máis alá das probas periciais e das evidencias do caso concreto que se xulga e pedir unha condena exemplar por unha determinada forma de facer política?

¿Non é para iso, precisamente, para o que están deseñadas as periódicas convocatorias electorais?

¿Para que sexan os electores os que xulguen co seu voto, ós candidatos e ás súas circunstancias?

Poño por caso: ¿Tería sentido, se se dera unha oleada de furtos domiciliarios, condenar ó primeiro ladrón que caera preso, cunha "condena exemplar" para que "aprenderan" tódolos demais? Sen malicia ningunha, pregunto...

Te puede interesar