Opinión

Fagamos a cousa con sentidiño por Luis Seara

Eu, ao igual que milleiros de persoas, estou precoupado. Preocupado polas consecuencias e os efectos colateriais que o coronavirus está a provocar. Preocupado polas persoas máis vulnerables, en xeral; polas que están a arriscar a súa saúde para que a nós non nos falte de nada; polas que coidan dos nosos maiores e dependentes; polas que se expoñen para que nos curemos. Todas elas, especialmente as últimas, non piden aplausos, aínda que os agradezan, piden algo menos emocional, pero a bon seguro máis eficaz: recursos e medios.

Esta pandemia, obríganos a repensar a sociedade que estamos a construir. A reflexionar a respecto da importancia de ter uns servizos públicos fortes, tanto en recursos como en medios materiais e humáns; da necesidade de incrementar os investimentos en investigación; da importancia dun sector primario potente que garanta a nosa soberanía alimentar; de termos unha banca pública ao servizo do pobo; da obriga moral de mellorar as condicións laboráis dos que fan posible que a sociedade non colapse, persoas que desenvolven empregos de baixa remuneración, de pouca ou ningunha valoración social e onde a precariedade é o sinal de identidade. 

Desgrazadamente as consecuencias do coronavirus non so van ter impacto para a saúde das persoas e a súa integridade física, tamén van ser, xa están a ser, económicas e sociais, especialmente para os máis desfavorecid0s. Ahí é onde os gobernos, e a oposición, van/imos ter que estar á altura. Medios nada sospeitosos como o Financial Times, están a reclamar maior gasto público. Ven de publicar unha recente editorial na que dí que “os gobernos non deberían escatimar gastos. Preocuparse polas finanzas públicas neste momento é tan perverso como contraproducente”.

Non son momentos de debates, que o único que contribúen é a xerar máis crispación, frustración e pesadume. Que se puideron facer as cousas mellor? É obvio. Que se poden facer mellor? Tamén. As forzas políticas correspóndenos trasladar propostas, achegas e suxestións para que poidan ser avaliadas polos que teñen que tomar decisións. Tempo haberá de analizar, sempre con ánimo construtivo, e mesmo de pedir responsabilidades, se fora o caso. Agora o único que podemos facer é ser responsables e chamar á responsabilidade e a calma. Ser responsables implica cumplir a raxatabla as recomendacións das autoridades. Ser responsables implica non contribuir a incrementar a alarma e o pánico, en base a informacións pseudocientíficas ou sen contrastar; ser responsables implica interiorizar que a primeira liña de contención contra a expansión do virus somos nós, a veciñanza, e, xa que logo, asumir, con disciplina prusiana que o confinamento implica estar na casa. 

As administracións teñen que facer o seu traballo, e as veciñas e veciños, o noso. O noso maior contributo neste momento é frear a propagación do COVID-19. Así que fagámolo como nós sabemos facer as cousas, con sentidiño. Quedai na casa.

Ánimo para as persoas afectadas e a nosa solidariedade e pesar ás familias daspersoas falecidas

 Saúde e Terra.

Te puede interesar