Opinión

O sabio que sabía buscar a esencia da alma galega

Por Jesús Manuel García Díaz


Perde Ourense outra figura da súa cultura. Foisenos Elixio Rivas Quintas, irmán paúl, que non crego, namorado de Galicia, embobado pola súa terra ourensá tantas veces obxecto dos seus estudos. Natural de Xunqueira de Ambía, onde naceu no 1925, doutorouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, na que tamén exercera como profesor. Era correspondente da Real Academia da Historia e membro da Comisión de Toponimia da Xunta. Rivas Quintas foi un gran estudoso da topinimia galega. Comezou coa de Marín, que foi o motivo da sús tese de doutoramento en 1979. Un ano despos era recoñecido o seu traballo sobre A Limia, co premio Otero Pedrayo. Na obra de don Elixio aparecen tanto a toponimia como a historia, a arte ou a arqueoloxía.

 Aí están os seus libros sobre o santuario dos Milagres, a ruta que nos convida dar no seu libriño sobre o Arnoia; ou a da necropole de San Salvador de Roza, por sinalar una mínima escolma. No 1992 obtivo o premio Taboada Chivite polo traballo Tear, tecido e complementos. Rivas ensinounos a quererlle aínda máis á terra, amosándonos a súa esencia mediante ferramentas do mundo rural, expresións lingüísticas, pedriñas con fonda historia. 

Don Elixio quedanos no recordo, e nas nosas bibliotecas. Cada traballo de Rivas Quintas é una fiestra para desvelar a alma ou a esencia de Galicia. Non podemos esquecer tamén o pulo que Rivas deulle á recuperación do Camiño Meridional de Galicia. A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago tivo nel ao seu primeiro presidente. Home enciclopédico, un sabio que nos axudou a seguir queréndolle mundos a esta terra marabillosa, engaiolante, que chamamos Ourense. Descansa en paz, benquerido Elixio. No ceo ensinarás os segredos da nosa terra, con orgullo, e a pesares de que no alén é onde se coñece todo o que non sabemos deste outro lado. Unha fortísima aperta. 

Te puede interesar