Opinión

Violencia de Xénero, unha lacra social

Qué está a pasar nesta sociedade? ¿É normal que día si e día tamén nos espertemos coa noticia de que outra muller ten sido asasinada pola súa parella ou ex-parella?

Ocorre que nesta sociedade da nosa España, o machismo nútrese das condutas de dominación, lonxe de ser unha rémora do pasado. Un paternalismo dominador do que fan gala incluso algúns personaxes públicos con “chistecillos e chascarrillos”, intentando manter ese status de superioridade. As raíces desta violencia atopámolas nas nosas propias normas culturais que teñen permitido que isto sega a ser unha realidade. Cabe destacar o dato de que unha de cada de dez adolescentes recoñecen ter sufrido algún tipo de maltrato por parte da súa parella, que teñen sido insultadas, ridiculizadas, que lle din o que teñen que vestir. Non son “tonterías” de adolescentes, son parte da nosa realidade social.

Neste país temos retrocedido en dereitos, en emprego, en protección social, en liberdades fundamentais. E somos as mulleres as que sufrimos en primeira persoa este agravamento da situación. Pero é que a mais, os recortes nos programas de atención e defensa especializada ás vítimas de violencia de xénero abócannos a unha desprotección que, na maioría das veces, acaba coas nosas vidas.

A violencia contra as mulleres non pode ter cabida en ningunha sociedade actual e democrática. Hai que erradicar os vestixios do pasado para evolucionar e construír unha convivencia xusta e igualitaria. É necesario poñer todo o empeño en educar e en desenrolar políticas de igualdade e protección. Debémosllo a todas as mulleres asasinadas, debémosllo ás 39 mulleres deste ano 2014.

Te puede interesar