Opinión

Xosé Velo, moito máis que o asalto ao Santa María

Os actos que se están a realizar co gallo do centenario do nacemento de Xosé Velo teñen moito mérito e son necesarios. Velo é unha figura do galeguismo que merece ser lembrada, xa que lle deu valor á historia recente de Galiza, tanto pola súa práctica política como polas reflexións que realizou na súa obra escrita. Mais foi sen dúbida o asalto ao paquebote portugués “Santa María”, en xaneiro de 1961, o que lle deu notoriedade internacional. Da Operación Dulcinea formaban parte galegos e portugueses, e figuras como Henrique Galvão e Fernando Fernández Vázquez (Comandante Sotomayor), todos integrantes do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación). O alcume de Velo era o de Junqueira de Ambía. A intención era dirixirse á África portuguesa dando pulo así ao proceso de liberación en Angola. Interceptado o barco no Atlántico por buques da armada norteamericano, terminou dirixíndose ao Brasil, onde o governo progresista de Janio Quadros recoñeceunos como refuxiados. Terminou así un periplo que conseguiu chamar a atención en todo o mundo sobre os réximes ditatoriais do Estado español e Portugal, que era un dos obxectivos da captura. Xosé Velo, como o seu irmau Carlos, recoñecido director de cine, era de Celanova. alí comezou a militar cedo no galeguismo, e en abril de 1935 sería elixido secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguistas. No Guieiro do mes de novembro de 1935 destácase que “máis de 4.000 nacionalistas escoitan en Celanova aos reitores da FMG”, no teatro Curros Enríquez. Engadindo que ao mitin do 13 de outubro acudiron dez autobuses e varios coches de distintos puntos da provincia e de Galiza con “mozos nacionalistas que viñan ao povo natal de Currros”. No acto falaron Celso Emilio Ferreiro, Xosé Nogueiras, Illa Couto, Xosé Velo, Vicente Boveda, Fernández del Riego. Despois, manifestación ate a casa de Curros, onde falaron Del Riego e Xosé Velo “que foron moi aplaudidos”. Foi un acto de afirmación nacionalista. Convén lembrar que Velo, como Ferreiro, Pazo, Santiago Fernández,... pertencía á tendencia independentista da FMG. Coa sublevación militar-fascista chegou a represión. Anos difíciles pra Velo e moitos outros, e pra non poucos, a morte. No ano 1944, xa en Vigo, onde abriu unha academia, será detido por manter contactos con organizacións da oposición galeguista. En 1945 benefíciase dunha amnistía, e en 1948 fuxe a Portugal e emigra a Venezuela. Alí manterá unha relación activa coa colectividade emigrada, ocupando o cargo de presidente do Lar Galego (1956). Desta etapa é a súa participación no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en xullo de 1956. Uxío-Breogan Diéguez Cequiel recolle a participación de Velo naquel evento: “'Os directivos das Mocedades Galeguistas tivemos un encontro con el no Centro Ourensán. Foi algo moi estimulante e aleccionador' diría Neira Vilas (...). Segundo as crónicas daquel encontro, as palabras rotundas de Pepe Velo acadaron os aplausos máis sentidos do auditorio” (Do Piñeirismo ao Consello da Mocidade; Fundación Moncho Reboiras). Xa daquela, dáballe voltas a retornar a Galiza, pra artellar unha resposta máis contundente do nacionalismo contra a ditadura, e sobre este tema falou cos integrantes das Mocidades Galeguistas de Bos Aires, sen moito éxito. O 30 de xuño de 1960 Velo afirmaba nun discurso no Palacio de Deportes de Caracas: “O Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), que eu presido, exercerá un dereito indisputábel e un deber ineludíbel. O dereito que todo home ten a defender a liberdade do seu povo e o deber que pesa sobre os deputados elixidos por Galiza nas últimas eleccións xerais que se celebraron en España e que obrigan a gardar, manter e defender a vontade do povo galego”.

Te puede interesar