Opinión

O animal máis belo do mundo

Hai uns oitenta anos, a Metro Goldwyn Mayer fixo célebre unha foto na que posaban 58 astros máis que brillantes da pantalla, incluído un can entón famoso. Eran ídolos, mozos e mozas con quen soñaban, ou adultos ós que admiraban, todos os espectadores do mundo; desde Errol Flynn ata os Barrymore e pasando por Gene Kelly e Katharine Hepburn, entre moitos. Case nada.

Pero había unha rapaciña no medio, moi riseira e moi aquelada, sentada entre Clark Gable e Judy Garland, que se chamaba Ava Gardner. Tamén por esa foto andaba Frank Sinatra, que sabemos que a amaba a máis non poder. E seguro que tamén a amaban algúns máis deses astros. Nós, por suposto, tamén.

Porque se dixo sempre que Ava Gardner era “o animal máis belo do mundo”. E realmente, a súa fermosura impresionaba. Era unha deusa. Non só porque fixo de Venus e de Pandora entre os seus personaxes máis exóticos, senón porque Ava personifica física e quimicamente o que nunha das súas películas alguén dixo do seu personaxe: “É a deusa que todo home deveceu por alcanzar”. Por iso todos podemos dicir, con Pandora e co Holandés errante: “Cando nos vimos por primeira vez xa nos coñecíamos”. Quen non a soñou. A primeira aparición de Ava en “Foraxidos” (1946), por exemplo, ou na mesma “Pandora e o holandés errante” (1951), preto dun piano, entre fume de festa, de costas ou en escorzo, e o impresionante descubrimento despois do seu rostro.

Si, máis seguro que Eva Lavinia Gardner non fose unha actriz maxistral, pero era a quintaesencia da estrela, o dito, unha deusa. Nacera en Carolina do Norte en 1922. Fermosa desde o principio, aínda que din os seus biógrafos, que tímida e desgraciada. 

Era pobre coma nos contos. Só tiña dous xerseis: “un o que levaba, outro que se estaba lavando”. Pero tiña unha irmá que vivía en Nova Iorque, casada cun fotógrafo co que a Cincenta chegou ó baile. O cuñado expuxo fotos da súa cuñadiña na ventá do seu estudo e a fábrica do león que a sentaría no centro doutra foto xa lendaria, fixouse na rapaza, que entón estaba a piques de cumprir 20 anos. E aí empezou todo. Dese todo falaremos a semana que vén. Porque o animal máis belo do mundo non pode quedar en tan só nisto.

Te puede interesar