Opinión

Aquí

Rara é a ocasión na que non diga “aquí estou”. Pois aquí estou. E non estou en ningún outro lugar. Tampouco estou na seguinte mesa na que estou. Hai dous minutos que cheguei a esta. Dentro duns cantos máis marcharei e deixarei de estar aquí. Estarei por aí... camiño da casa.

Agora mesmo estou aquí. Tomando un café. Facendo que escribo. Contemplando a televisión; máis en concreto o partido Alavés-Osasuna. Vai ganando o Osasuna cun golazo que, se o marcara un xogador do Madrid, por exemplo o Bellingham ese, xa tiñamos tema para toda a semana, pero marcouno un tal Arnáiz que, pobre, xoga no Osasuna.

Aínda sigo aquí. Escoitando ás que falan á beira. Vendo como pasan os coches e, sorpresa, sen ningunha pomba por entre as mesas! Un auténtico milagre! Imaxino que será polo cambio de tempo. Os animais non son parvos e saben moi ben cando acollerse.

Desde aquí comento que escoito diversos temas musicais e que acabo de aguantar o ruído dunhas motos. Deses ruídos tan molestos que... se pillo ó condutor... xa podedes imaxinar. Escoitei tamén o ruído dun bico que unha nai lle acaba de pousar na meixela a súa filla. Estes ruídos non molestan. É máis, emocionan. Porque onde estea o bico dunha nai que se quiten todas as Ducatis do mundo, por exemplo.

Agora si; son as cinco e media da tarde e deixo de estar aquí porque me vou para alá. Marcho, que teño que marchar.

Te puede interesar