Opinión

Archie Leach

Quedara a semana pasada en que Howard Hawks convertera a Cary Grant en vítima dunha femia dominadora en “Lúa nova” (1940), que era unha segunda versión da obra teatral “Primeira plana”, de Ben Hecht. A muller dominadora era Rosalind Russell. E Grant volvería vestir roupas de muller en “A noiva era el” (1949), no papel dunha imposible esposa de guerra con pernas peludas. Por certo, en “Lúa nova”, Cary Grant inmortalizou o seu verdadeiro nome, Archibald Alexander Leach. Nun momento dado, falando por teléfono, o actor dille ó seu interlocutor: “O último que se atreveu a dicirme iso foi Archie Leach antes de cortarlle o pescozo”. Unha demostración da súa manía de conservar a propia identidade. Ou do pouco que lle importaba a Howard Hawks que Grant improvisara os diálogos á súa maneira.

Pero aí xa Grant era máis que coñecido, un dos que máis recadaba na época. O público adoraba o tipo de películas que interpretaba. “A miña esposa favorita” (1940), “Historias de Filadelfia” (1940), “Só os anxos ten ás” (1939), “O ídolo de Nova York” (1937), etc.

Entón alguén fixo outro experimento con Cary Grant. Alfred Hitchcock meteuno en “Sospeita” (1942). Os distribuidores non confiaron no éxito dun filme no que Grant interpretase o papel dun asasino, polo que Hitchcock tivo que cambiar o final por outro máis acorde á moralidade daqueles tempos. Pero o encontro entre o perverso Hitchcock e Grant xa se produciu. E co director inglés traballou noutras tres obras mestras do suspense: “Encadeados” (1946), “Atrapa a un ladrón” (1955) e “Coa morte nos talóns” (1959).

En realidade Grant, que deixara o cine en 1953, volveu rodar grazas a Hitchcock e a Grace Kelly, que traballou con el en “Atrapa a un ladrón”, A maxia entre eses dous actores durou moito, tanto dentro como fóra da pantalla. Dos anos que seguiron as súas mellores películas foron “Síntome rexuvenecer” (1952), “Murmurios na cidade” (1952), “Indiscreta” e “Charada”, ambas de Stanley Donen.

Casou cinco veces. Tivo unha historia con Sofia Loren. Tamén un intento de suicidio. Rumores dunha “amizade particular” con Randolph Scott e certos experimentos co LSD. Morreu o 29 de novembro de 1986. Era marabilloso!

Te puede interesar