Opinión

Cine achegado a nós

Acabouse o que se daba. É o que se adoita dicir cando remata algo. Algo que principalmente gusta. Coma a 21 edición do Festival Internacional de Cine de Ourense. Polo menos a mín gustoume. Claro que tamén é verdade que non me meto a afondar nos cambios que se levaron a cabo nesta edición. E foron uns cantos. Pero, este servidor molgués, xa sabedes que está para o que está; para ver cine. E as películas, por sorte, non dependen das cuestións políticas. Polo menos no momento de ser proxectadas, pois algunhas (ou moitas) incluso para facelas hai que andar con pés de manteiga para acadar financiamento, permisos, etc., que aí ata si creo que segue entrando a poítica. Onde non entra hoxe?

Que me desvío. Sei que hai moitos que lle porán os proles e os contras a tal evento. Como acontece cada ano. Porque somos así. Porque sempre tivemos espírito contraditorio. Porque só vale o que pensamos, o que facemos cada un. As opinións e os traballos dos demais non contan para nada. Que me sigo desviando. Imos ó noso, perdón, ó meu, que é o que importa: cine, cine, cine, máis cine, por favor.

Practicamente todo o que vin estivo moi ben. Unhas películas mellores que outras, claro, pero en xeral penso que foi unha boa edición artística e culturalmente falando. Cine que ó mellor non volveremos ver nunca máis, pero que precisamente por iso se agradece unha barbaridade. Cine incluso máis achegado a nós, digamos que pola linguaxe e polo que significa para nós Iberoamérica. Cine que, ó outro lado do charco, se fai con poucos medios pero cunha calidade inmensa. Cada ano se nota máis a potencia cinematográfica existente nos países latinoamericanos.

Segundo outros anos algúns rachaban as vestiduras porque non había "alfombra vermella", este ano optouse polo mesmo e ata agora creo que ninguén se queixou. Eu, o que menos. Porque, repito, un festival de cine debería valer tan só para ver cine. Ou para que se fale de cine, que tamén vale. Seguirei os sábados falando de cine (certo, doutro cine) e esperarei, por suposto, a que o tempo voe para que chegue xa a seguinte edición do OUFF. Non sei vós, pero eu gocei moito con esta.

Te puede interesar