Opinión

Conducir

Collín o coche e fun. Case sempre vou andando, pero hoxe optei polo coche. A compra sería grande e... E para burro de carga xa chega ben outras veces, cando non hai outro remedio. Non é que teña tampouco problemas co coche; é simplemente porque me gusta andar e porque me amola manobrar nos aparcadoiros. Manobrar en calquera lado. Eu son máis dos de querer chegar e apor. Si, para certas cousas (ou para moitas), son cómodo.

Andar en coche, en si, gústame. Gústame moito. Cando vou por estradas secundarias, e mesmo por autovías e autoestradas, ou, como se adoita dicir, gústame conducir. O problema chega cando é polas cidades. Aquí xa é un calvario; ou ben pola lentitude ante o tráfico, semáforos e rotondas, ou ben por descoñecer, por non saber por onde hai que coller. Nestes casos póñome nervioso e esbardallo contra todo e contra todos. En por si, son mal falado, pero conducindo semella que se acaba o mundo. Aínda que, iso si, en plan relixioso-católico-galego, son pecados veniais. Non quero que caian os santos do ceo.

Conducindo por fóra da cidade, ou sexa, polo rural, pola natureza incluso son capaz de facer traxectos en segunda e terceira marcha con tal de contemplar a paisaxe. E de parar cando me dá a gana, e de acelerar cando a estrada me deixa. Sabemos que as nosas estradas secundarias non deixan moito e por moito que queiras. Mellor; así gozamos da natureza e temos moitas posibilidades de rematar ben a viaxe. Non é o mesmo buscar a calma que atopar a desgraza. Cambia moito o asunto segundo velocidade.

Te puede interesar