Opinión

O corno dereito dunha vaca marela

Subín ó corno dereito dunha vaca marela e bailei un tango sobre a esperpéntica política ourensá. Agora, cada quen, que bote as campás a voar. Ó mesmo tempo, pingas de falsidades caen sobre o asfalto xa mollado. Bailei polos dixomedíxome que foron e viñeron, que se lanzaron e non se cumpriron porque as poltronas son cama paneis de mel... ricas, ricas.

Baixei do corno dereito dunha vaca marela e asubiei unha polca que non facía ruído. Menos mal. Porque na política ourensá, moito ruído e poucas noces. Agora, cada quen, que asubíe baixo a sombra dos albaricoques. Eu seguirei asubiando sobre plenos e comisións, sobre asesores e corrupción, que se almacenarán nos recantos da inconsciencia. Atei unha reata ó corno dereito dunha vaca marela e cantei temas de amor nos que os bicos e abrazos municipais soan cheos de algarabía, rebuldaina e bulla. Agora, cada quen, que cante unha misa de réquiem pola cidade das burgas. Cantarei tan só dúas estrofas nas que os sorrisos irán a ritmo de jazz e as palmadas imitarán o rock duro.

Desatei a reata do corno dereito dunha vaca marela e imitei unha banda sonora na que, pasado o tempo, haberá tiros a esgalla e trampas detrás de cada outeiro, de cada pleno. Agora, cada quen, que se agache detrás dun penedo. Porque a vergonza asomará polo horizonte dos acontecementos. E a vivir da política!

Te puede interesar