Opinión

Con destino á emigración

Que Deus reparta sorte. Dixo alguén en referencia ós tres irmáns que estaban a piques de tomar o tren con destino a algún lugar, ou sexa, á emigración. Os tres estaban xuntos e a emoción alagaba os seus ollos. Os tres eran os fillos de Clotilde, A Costureira, e de Ambrosio, O Xastre. A profesión deste non precisa de ningunha palabra máis. Os dous tiñan o seu propio alcume, pero xuntos eran Os Modistos. Como é a xente...

O rapaz máis vello tiña 22 anos e respondía ó nome de Eulogio, O Agullas. Eustaquio, O Dedal, era dous anos máis novo e Emilio, O Tesoiras, outros dous anos menos, é dicir, 18. Semella que estou a inventar os alias e que son de risa, pero, xeralmente, adoita acontecer iso: que son familia e todo queda en familia. O Agullas tiña intención -segundo lle comunicou por varias veces ós irmáns- de marchar para a Arxentina. Estaba á espera de que saíse o tren para Vigo e alí coller un barco mercante. A economía para o avión non daba de si. O Dedal dicía que optaba por Suíza, para poder estar algo máis cerca dos pais. E xa que Eulogio, O Agullas, cruzaba o charco; Emilio, O Tesoiras, xa tiña todo programado para traballar e vivir en Australia.

Eulogio sempre soñou en traballar e percorrer a Pampa. Xa se vía de gaucho per secula seculorum. Eustaquio conformábase con cruzar os Pirineos e Emilio ansiaba correr entre os canguros e cazar coellos. Soou o asubío do tren. Abrazáronse os tres e os fillos dos Modistos empezaban a facerse homes.

Te puede interesar