Opinión

Diñeiro, saúde e amor

Ata 18 anos menos de vida nos barrios pobre. Era a nova que asomou hai uns días en certos medios de comunicación escritos e falados. Entón é o que eu digo: que hai que cambiarlle a orde a eses famosos desexos de “saúde, diñeiro e amor”, tan en voga estes días pasados. Sempre dixen e sigo dicindo que primeiro é o diñeiro. Xa, claro, pero como non teñas saúdes... Como non teñas saúde, ó mellor, con cartos recupérala pouco a pouco. Mentres que, por moita saúde que teñas, como non teñas con que comer, mal asunto! O corpo mingua de tal maneira que acaba convertido en po. E se  non, aí está a proba de que, ano a ano, aguantamos algo máis neste mundo porque a calidade de vida vai a mellor. Antes, na posguerra, por exemplo, tal calidade brillaba pola súa ausencia. Para o paisano de a pé, por suposto. Agora, non é que o paisano de a pé viva na gloria, pero polo menos, come. Si, os que comen. Se non comen, xa vemos como están de saúde. Por iso penso que xa vai sendo hora de facer unha nova versión musical e que alguén cante “diñeiro, saúde e amor”. O amor incluso o pode quitar. Para este non hai orde ningunha. Sábese ben que o amor é pasaxeiro. Case sempre é efémero. Ás veces ata dura menos que uns billetes de euros. Xentiña, non queda outra que se queremos saúde, hai que trasladarse ós barrios máis prósperos da cidade, das cidades. Igual temos a sorte de que, nestes, nos caian os pans cocidos do ceo. E tendo que comer, a saúde fortalécese. A que estes días vos suaron as graxas?

Te puede interesar