Opinión

No eco das badaladas

O ser humano está cheo de bos desexos e nestas datas saen por arrobas e cunha bondade inmensa. No momento das doce badaladas, do paso dun ano para o seguinte o ser humano promete unha vida de cor rosa. Pero os desexos, os bos desexos duran o que dura o eco das badaladas, ou sexa, que son efémeros. Ás doce e vinte da noite o ser humano xa pensa en como bombardear tal país, en como asoballar ó seu veciño, en como maltratar ó seu cónxuxe, e así unha tira e máis de exemplos.

Todos desexamos que ano 2024 sexa moito mellor que o 2023, que, para uns, foi bo e, para outros, pésimo. En plan nacional, creo que se leva a palma, como noticia destacada do ano, a famosa amnistía, da cal nin falei nin penso falar. Non me preocupa se España se rompe ou non, eu tan só desexo (este si é un desexo enorme) unha Galicia libre, e os demais que se busquen a vida como poidan. Desexo que o Celta non descenda, que o Ferrol suba á primeira división e que os demais equipos galegos ascendan de categoría. En plan internacional, creo que o que primeiro se vén á cabeza son as guerras de Ucraína e Israel. Se para a primeira a comunidade internacional armou un belén, non entendo como para a de Israel tal comunidade mira para outro lado, é dicir, para os Estados Unidos. Lembrar, non obstante, que non só existen esas dúas guerras; que agora mesmo, en todo o mundo, hai unha trintena de conflitos bélicos. Pero adoitan ser en países que están alá no cabo do mundo ou no continente africano. E xa sabemos o que é África para os países desenvoltos.

De bos desexos sempre está chea a Igrexa, o que pasa é que, despois, pásalle coma os políticos, que o que prometen non o cumpren. Moito desexo de cristiandade, de boas maneiras e de non facerlle mal a ninguén. Pero eles, os da Igrexa, e segundo os propios bispos, recoñecen 1.302 casos de abusos (enténdese que a menores) nun informe propio. Recalco: nun informe propio. Deixo á imaxinación ou á desconfianza do lector a cantidade real deses abusos, deses que non sabemos pero que intuímos que si están aí. Dáme que sería unha cantidade tan grande que asustaría ata o máis beato.

Para rematar e aproveitando que o eco das badaladas aínda está dentro da miña audición, si desexo de corazón un bo 2024 para todo o mundo. Cando o eco se esfume, cando cheguen as doce e vinte da noite, xa Deus dirá.

Te puede interesar