Opinión

Eloxio da familia

Desde 1998, ou o que é o mesmo, desde “A nena dos teus ollos”, non apareceran xuntos nos títulos de crédito os irmáns David e Fernando Trueba. Pero, agora, grazas a Deus, volveron a facelo en “O esquecemento que seremos”, unha película chea de amor e admiración dun fillo cara ó seu pai. O filme baséase na aclamada novela homónima de Héctor Abad Faciolince, que fala sobre o seu proxenitor, un importante médico e activista polos dereitos humanos que asasinaron brutalmente en Colombia nos anos 70. A película é un canto marabilloso e enorme á familia, cheo de vida e dozura, de sorrisos sen bágoas. Case se pode dicir que a familia é o ceo sobre a terra.

Héctor Abad, ou sexa, Javier Cámara (nun dos mellores papeis da súa vida) é un carismático líder social e home de familia que se preocupa polas denigrantes formas de vida de clases menos favorecidas. Como estas defensas sempre lles preocuparon a todos os Estados, a mellor solución é sacalos do medio, antes de que desencadeen unha revolución. Así é que optaron pola opción máis fácil: o asasinato.

Fernando Trueba danos a coñecer a figura dese home a través da ollada do seu fillo. Unha ollada chea de amor e admiración. A película, dividida en dúas partes claramente diferenciadas esteticamente (en color e en branco e negro), empeza xusto nese momento da infancia no que un empeza a adentrarse e a interesarse polo mundo dos adultos. Así é que o fillo descobre a súa vida familiar e ve que os problemas da familia son os problemas de Colombia desa época: inxustizas sociais, diferenzas políticas, crise económica, etc.

No filme en color vemos o pasado e os días alegres da infancia. Na parte en branco e negro, o presente da narración que corresponde coa chegada á idade adulta do protagonista e ó entendemento total da loita do seu pai e o mundo dos adultos. Ante isto, é normal que esta segunda parte sexa moito máis crúa.

“O esquecemento que seremos” é unha bonita, luminosa e tráxica película; un exercicio de sensibilidade e tenrura, e un auténtico eloxio da familia como algo único.

Te puede interesar