Opinión

Emotividade e convicción

Na década dos cincuenta cando a xeración dos cineastas formados no mudo se encamiñaba cara ó final das súas carreiras algúns deles estilizando os seus métodos e cando o cine ensaiaba dous camiños antitéticos como a espectacularización ou o dotar de implicacións psicolóxicas ou sociais ós filmes, sorprende “Á beira do río” (o filme de Allan  Dwan, o director do que levamos xa, con esta, catro semanas falando) coa súa retórica anti-psicolóxica, a súa inclinación polo arquetípico, a súa escritura precisa que vai máis alá do naturalismo ou do verosímil. O seu carácter itinerante, nuns territorios terrosos e ocres nos que a figura humana non se distingue e a través dun periplo que pon a proba para chegar á autoafirmación (a do parrulo, Anthony Quinn), a salvación moral (a muller con pasado que logra superalo, Debra Paget) e a redención na morte (o nugallán que chega ó arrepentimento na agonía, un excelente Ray Milland). Incluso o rexeitamento da ambición (o botín perdéndose, os billetes voando) e a fuga dos dous esposos, novos Adán e Eva á procura dalgún incerto Paraíso, sendo, como poderían ser en mans doutro cineasta, absolutamente tópicos, non poden por menos que destacarse en Allan Dwan pola súa emotividade e convicción.

“Lixeiramente escarlata” constitúe un thriller tamén atípico, cunha plástica fermosa e brillante (fotografía de John Alton) que demostra que non só de luces e sombras se compuña o mellor do cine negro e que todas as variacións do vermello podían dar xogo nunha obra mestra. Baseada nun espírito da conspiración e o interese (ningún personaxe é heroico ou honrado por completo, incluso os que serven á lei e á orde e organizan campañas contra a corrupción ou as “boas hirmanciñas protetoras”) é unha obra densa, que semella case claustrofóbica pola súa tensión, moi estilizada ata bordear a irrealidade.

Dwan pecharía a súa carreira con “Most Dangerous Man Alive”, pero sábese que hai películas del por aí perdidas. Sería bonito atopalas e recuperalas.

Te puede interesar