Opinión

Esperando á muller

O home está sentado ó fondo do café e ten a cabeza sobre a palma da man esquerda. O home está pensativo. Mira sen ver. Coa man dereita remexe no café para que se disolva o azucre. Nun recanto da mesa colocou o móbil e á súa beira unha carpeta bastante voluminosa. Pero no centro mesmo da mesa ten aberto un xornal por, máis ou menos, a metade.

O home chámase Aarón Grande Malvido. Pero en Chaodarcas, o seu lugar de nacemento, é O Miocas, que á súa vez é fillo de Encarnación, A Lagarta, e de Dionisio, O Entrepernas.

O Miocas pégalle o derradeiro sorbo ó café e segue lendo o periódico. Moi rapidamente. Tan rapidamente que incluso se salta páxinas á lixeira. Detense, iso si, nos deportes e nos mortos, é dicir, nas necrolóxicas. Xusto cando pecha o xornal, entra pola porta unha muller que vai dereitiña para a súa mesa. Danse un bico nos beizos. Ela é Paderna Relativa Castro, natural de Fresnedelo, leonesa, castelá, pero chapurrea bastante ben o galego. A ver!, o Miocas non lle anda con lerias.  A ela, en Chaodarcas, chámanlle A Mioquiña. Pide un café e o seu home pide outro. Empezan a falar do nome que lle queren poñer ó fillo. Cando o teñan.

Te puede interesar