Opinión

A etapa salvadora dos soños

Alucino por entre a selva vietnamita de "Apocalypse Now" e quero esnafrarme contra o "The Wall" de Pink Floyd. Sempre quixen deter todas as guerras, pero son un cero á esquerda nos soños de boas bondades, na ansiedade de moitas misericordias. Quero cruzar a "Ponte sobre augas turbulentas" de Simon & Garfunkel, pero na metade do camiño caín nas redes de Spiderman. Hai que amolarse! (por non dicir outra cousa); en vez de estar salvando o mundo, o moi cabrito, está a determe na etapa salvadora dos soños. Deixo que a miña conciencia cabalgue cos "Centauros do deserto", pero "Ós meus corenta e dez" (ou máis) de Sabina afogo nun simple charco de auga. Quedei preñado de soidade na película da realidade infinita e rebento de orgullo ante unha canción que conta o que ninguén cre. Hai heroes que non saben choutar dun tellado a unha páxina en branco, e os hai que corren polas páxinas escritas para esnafrarse nunha pista de vinilo. Ás veces, moitas veces é bonito soñar esperto. Aínda que non consiga parar as guerras.

Te puede interesar