Opinión

Eu non digo nada

A semana pasada foi rica en noticias, faltaría máis, negativas. Sempre vivimos nun país (e hoxe aínda máis) no que a vida foi e vai a cabalo dunhas decisións políticas bastante ineptas. En só dez anos, en Galicia, a metade do emprego no campo foi ó carallo. E non digo nada. A metade dos ourensáns están gobernados por alcaldes imputados. E non digo nada. Se a Eurocámara non deixa que nos expresemos en galego, entendo entón que a Comunidade Europea non nos representa. E tampouco digo nada. Quinto ano consecutivo no que o Goberno conxela o soldo dos funcionarios. E sigo sen dicir nada. O noso presidente Núñez Feijoo soltou unha frase lapidaria: “hai rutas escolares que custan 4.200 euros por alumno”. Hai rutas a certos eventos políticos ou a certos países ós que tan só van de turismo que custan (…) por cada político participante ou viaxante. E, como non, non digo nada. Porque se digo algo, seguro que máis dalgún se incomoda, que cho botan en cara toda a vida e, para máis aquel, se poden, condénante a un ostracismo social, cultural, económico, político e ata deportivo, por exemplo. Que por que me meto tan só con eles? Non me vou meter cos que fan as cousas ben; se o fixera igual lle daban a volta á tortilla e, con sinceridade, xa nos chega ben cos empanadas que temos por aí. E agora si que non digo nada máis. Por se acaso.

Te puede interesar