Opinión

Fermoso tríptico

O director xaponés Ryûsuke Hamaguchi mandou á sección oficial deste Festival de Cine de Ourense a súa película “A ruleta da fortuna e a fantasía” (2021), un tríptico sobre o amor, as casualidades e os desencontros, sempre con protagonistas femininas, que é unha das constantes deste realizador. Son tres capítulos ou tres mediometraxes que narran a dúas amigas que se vén envoltas nun triángulo amoroso inesperado; unha muller que se “abre en canal” nunha sedución frustrada; e a dúas descoñecidas que ven na outra a un fantasma do pasado. A través destas tres fábulas cheas de tenrura, encanto e certa burla con mulleres enfrontándose ás veleidades do destino, o director Hamaguchi ofrece un retrato da clase media xaponesa, dos seus medos e inseguridades, das súas decepcións e necesidades incompletas e dos seus arrepentimentos.

Máis alá de que se tratan de historias independentes, hai estruturas e ideas recorrentes; non só porque son as mulleres as que están no centro da escena como forza de atracción e por momentos tamén de manipulación, senón porque en todas se expoñen as consecuencias das eleccións máis íntimas, a incidencia do azar e as formas de pelexar contra as contradicións, as tentacións, os desexos e a culpa.

Flexible, elegante e delicado tanto na posta en escena como na dirección de actores (mellor dito, de actrices), o director xaponés traballa con moito risco nos límites da incorrección política. Por exemplo, no segundo episodio, a tensión sexual entre o profesor e a alumna é evidente, pero mentres ela intenta pechar varias veces a porta do despacho, el encargarase de mantela aberta para que os que pasen polo corredor vexan sempre o que ocorre no interior. Un director cada vez máis convencido do seu estilo, as súas obsesións e os seus recoñecibles universos cinematográficos.

“A ruleta da fortuna e a fantasía” é unha fábula incisiva, erótica, aterradora e que se reafirma no poder primordial da narrativa. Crece pouco a pouco en intensidade e cada relato vai enganchando máis ó espectador. Hamaguchi mima ás súas protagonistas e á historia que quere plasmar. Consegue un fermoso filme.

Te puede interesar