Opinión

Golpe de estilo

Basta o arrinque de “Héctor” para deducir del sen marxe de dúbida ante qué altura estamos de nivel de oficio e de facultades para a creación cinematográfica da súa directora. Grande e refinada altura. O filme é nobre e vai ó gran con admirable limpeza, sinxeleza e soltura. Gracia Querejeta fainos entrar con alta precisión e igual lixeireza no que quere representar e propoñernos. Chéganlle catro concisos diálogos e a posta en marcha dunha veloz e poderosa secuencia transparente, desas que non se ven aínda que teñen un altísimo grao de existencia.


No arrinque desta súa cuarta longametraxe, a cineasta sitúanos de entrada ante un golpe de estilo, ante a evidencia de que hai no filmado por ela trazos identificadores dunha maneira súa, distinta a todas, de facelo. É o que lle chaman mestría, a misteriosa capacidade de algunhas olladas para imprimir impresións dactilares invisibles sobre a pel dunha pantalla. E se penetramos na secuencia de “Héctor”, axiña se percibe que tal mestría non é fugaz senón sostida, non chega á pantalla a refoladas, senón que é un sopro interior e constante da maneira de filmar dunha cineasta que deixou atrás os camiños e os titubeos da aprendizaxe. E que quizais esta vez se confía en exceso, pois hai na zona final do filme algúns desfalecementos no xogo e na definición dos personaxes que só pode proceder de descoidos e imprecisións na escritura de fondo destes, unha escritura que empeza moi firme e logo deixa ver algunhas carencias.


“Héctor” é unha boa película, e está feita por Gracia Querejeta con intelixencia e soltura magnificamente mesturadas con complexidade e bo cálculo. É vivo o retrato inicial e o avance introspectivo do rapaz protagonista, Héctor, cara á inicialmente tortuosa e finalmente chá conquista da súa identidade. O xogo de intérpretes que arrodea a paixón deste rapaz semella trazado con tiraliñas e o xogo de puntos de vista posúe unha notable e intricada riqueza, que permite situar ó retrato deste adolescente entre o máis sutil e refinado do cine español recente.

Te puede interesar