Opinión

Hai xente lista

Dicía un que se o ser humano non respira durante un bo tempo, acaba morrendo afogado. Que para vivir hai que respirar ou, tamén, que hai que respirar para vivir. Aí souben que hai xente lista. Que vivir ten a súa explicación, o seu aquel.

Que para vivir hai que respirar ou, tamén, que hai que respirar para vivir

Dicía outro que as negociacións, acordos e promesas políticas entre moitos, non procede. Porque xa sendo un só é máis que complicado proceder ó acordado, entre moito é, sinxelamente, unha bagatela. Todo acaba rachando. E, si, incluso na política hai xente lista. Nela é onde máis listos hai.

Dicía un terceiro que se as pingas de auga caen sobre a túa cabeza é porque veñen de arriba. Xa non especificou moito se virían das nubes ou de, por exemplo, o campanario da igrexa de Baños de Molgas (que está alto de carallo), ou se serían as pingas “menores” do avión que acababa de pasar. Tamén o listo este acabou confesando que as pingas de orballo estaban máis ben baixas que altas.

... as pingas de auga caen sobre a túa cabeza é porque veñen de arriba

Segundo non hai dous sen tres, tampouco hai tres sen catro. Efectivamente, dicía un cuarto que cando o río corre, auga leva. Este cuarto tamén é listo. O río Arnoia, ó seu paso por Baños de Molgas, corre para abaixo e, aseguro, que auga leva, aínda que á entrada mesmo da vila non é que corra moito; máis ben baixa mansa, pero corre.

Levo un cacho seguindo o consello do primeiro interlocutor: que respiro e por iso aínda vivo. Si, penso facelo por moito tempo. Para seguir vendo como pasa, correndo ou mansamente, o río Arnoia e como a xente lista poboa a Terra.

Te puede interesar