Opinión

Historia de gánsteres

Parece imposible que Martin Scorsese, para moitos o mellor cineasta americano con vida, tivese que esperar máis de 25 anos para levar á pantalla unha película. Pero así son as cousas en Hollywood (como, por exemplo, que ata o ano 2007 non acadara o tan merecente Oscar ó mellor director). Gangs of New York (2002) non é unha película calquera. Unha produción de máis de cen millóns de dólares financiados de forma independente e candidata a dez Oscars, dos que non acadou ningún.

A película rodouse durante máis dun ano nos estudios Cinecittà de Roma, onde Dante Ferretti, o deseñador de arte deste filme, recreou o barrio neoiorquino de Five Points nunha área de preto de catro quilómetros cadrados. “Era como verse inmerso naquel tempo, illados do resto do mundo, vivindo a violencia daqueles anos” afirmou Leonardo DiCaprio.

Martin Scorsese soñara toda a vida con esta historia de gánsteres nas orixes da súa cidade, cos enfrontamentos entre as hordas de inmigrantes irlandeses e os que xa se crían con dereitos sobre unha cidade que nacía. Scorsese intentara varias veces adaptar a novela do mesmo título de Herbert Asbury. Sempre sen éxito. Ata que o que fora superaxente de Hollywood Mike Ovitz lle propuxo seguir co vello proxecto. Harvey Weinstein, o produtor máis temido e adorado da industria, tamén tiña algo que ofrecer neste intento de levar á pantalla Gangs of New York: o financiamento a través de Miramax e acordos con Europa.

Weinstein logrou rescatar, para o papel que inicialmente ía interpretar Robert De Niro como o violento Bill O Carniceiro, a Daniel Day-Lewis, afastado do cine durante cinco anos e dedicado a facer zapatos artesanais en Florencia.

A rodaxe estivo chea de problemas, desde o comezo ata a súa fin. A súa estrea, prevista para 2001, retrasouse ante a violencia das súas imaxes e a súa proximidade cos atentados das Torres Xemelgas; seica houbo enfrontamentos entre os actores e, por suposto, entre Harvey Weinstein e Martin Scorsese pola montaxe, pois aquel é coñecido como Manostesoiras. Máis a pesar de todo: obra mestra.

Te puede interesar