Opinión

Intimista e ambiciosa

A directora Elena López Riera toma como eixe central da súa ópera prima, “El agua”, o retrato de tres mulleres de diferentes xeracións dunha familia “maldita”. Segundo se fala pola vila na que transcorre o filme esas tres mulleres viven baixo o xugo da forza mística da auga, xa que a historia combina mitos e lendas ligadas ó poder maldito e destrutivo da auga.

A protagonista é Ana (unha debutante e impresionante Luna Pamies), unha mociña que atravesa todos os rituais iniciáticos cando empeza a saír con José (Alberto Olmo), un rapaz que volveu ó lugar logo dun confuso pasado. Mentres se acompañan no descubrimento, as inseguridades, os medos e os desexos, Ana convive coa súa nai (Bárbara Lennie), que leva un bar na vila e intenta ter as súas propias experiencias afectivas; e a súa avoa (Nieve de Medina).

Por outro lado asoma o sino tráxico que afecta á rexión e sobre todo ás mulleres: con cada nova inundación, con cada nova chea unha forza escura fai que distintas poboadoras desaparezan e moitos cren que esa familia de Ana será vítima desa maldición.

A película “El agua” aposta por un relato intimista, logo por unha dimensión máis da orde do fantástico e tamén por elementos propios do documental. A mestura entre os diferentes elementos estéticos e narrativos, entre intérpretes profesionais e non profesionais, entre a pegada adolescente (Instagram, iniciación sexual, ganas de fuxir do lugar de nacemento, etc) e a rutineira e gris vida cotiá dunha vila sen encanto con adultos ríxidos, conservadores e machistas fan do filme unha experiencia que na maior parte da súa metraxe resulta intrigante, sensible e fascinante.

Película rica e ambiciosa que xoga entre o realismo e o ton fantástico, entre a dureza e a violencia das inundacións que escarallan á vila (hai imaxes documentais bastante duras dun par desas riadas) e as lendas urbanas que as acompañan ou tratan de explicar. É tamén un relato de iniciación e crecemento, o desa rapaza que empeza a entender que ese contos de avoas que pasan a través de xeracións sostéñense porque representan dores, loitas e emocións moi concretas e reais que noutras épocas elas non poderían poñer en palabras.

Te puede interesar