Opinión

Un móbil silencioso

Un teléfono negro sobre a mesa. En silencio. É raro ver un móbil quietiño sobre unha mesa dunha cafetaría. Onte mesmo vin detalle que me impresionou: cando ía pola beirarrúa e ó pasar por diante dunha terraza había unha mesa ocupada por dúas parellas de mozos e os catro andaban dálle que dálle ó móbil. O meu pensamento foi para esa presunta cita, para a que imaxino que se chamarían ou se mandarían un whatsapp deses para quedar a tomar algo. Entendo que cando fas isto tamén é para charlar un pouco. Mais a imaxe que se amosaba nese momento non tiña nada de conversa, nada de amizade ou veciñanza ou camaradaría; cada un fochicaba no seu móbil e a cada un lle importaba un carallo os demais. A verdade é que hoxe en día hai exemplos destes a moreas. É raro, polo tanto, ver un móbil sobre unha mesa e que unhas mans non o manipulen. Alguén , se acontece iso, ata lle chamará parvo ó dono do móbil. Para que quere un móbil? Para velas vir? Pois aí segue; quietiño, silencioso, incluso sen vibrar.

Te puede interesar