Opinión

Nena prodixio

Muller de Vincente Minnelli e nai de Liza Minnelli, nena prodixio con Mickey Rooney, a actriz Judy Garland tivo unha vida axitada e un tráxico final.

En que momento a actriz se converte en estrela, logo en lenda e finalmente en culto? Porque Judy Garland era todo iso. Unha marabillosa actriz que, sendo aínda nena e cantando “Sobre o arco da vella” pasou a ser unha das estrelas da Metro-Goldwyn-Mayer, xa sabedes, aquel estudio que tiña “máis estrelas que o firmamento”. Unha estrela que cos seus intentos de suicidio, os seus litixios e os seus concertos en vivo pasa a ser unha lenda. E unha lenda en vida que, coa súa morte tráxica (sobredose de barbitúricos) pasa a ser un culto.

Interesa que a analice? Ou vale máis quedarse coa imaxe de Dorothy indo a Oz polo camiño dos ladrillos amarelos? Ou como aquela outra, xigante e diminuta á vez, que negaba ser Vicky Lester e só quería que a aplaudiran como a señora de Norman Maine?

Non obstante, Judy Garland non foi un símbolo dunha xeración, nin unha deusa sexy, a Garland foi simplemente Judy. Unha das voces máis irrepetibles da canción popular americana; unha das actrices máis conmovedoras que se presentou nunha a pantalla. Cando Hollywood era a gran fábrica de soños, construíuna e inventouna. Ela ostentou a insolencia de ser moito máis: un ser humano. Entón Hollywood quitouna de encima. O cine perdeuna e o canto ganouna. Pero o que logrou esencialmente, foi o profundo amor do público, que a seguía e a aplaudía e a aclamaba ata o histerismo. Para moitos era “santa Judy”.

Naceu co nome de Frances Gumm o 10 de xuño de 1922. Os seus pais eran intérpretes de vodevil, ela debutou ós tres anos e ós cinco xa era unha veterana. Debuta no cine coa curtametraxe “Concerto ó aire libre” (1936). Para a primeira longa, a Metro cédella á Fox (“Loucuras de estudantes”, 1936) e conságrase en 1937 con “A melodía de Broadway 1938”. Aí empeza con Mickey Rooney, co que chegaría a rodar oito filmes máis. No ano 39 rodou “O mago de Oz”. E aí comezou todo.

Te puede interesar