Opinión

O alumno de Rocky

Ás veces chega unha frase, un minuto, unha mirada, unha escena, ou algo, calquera cousa para empezar a coller fama en calquera aspecto da vida, para empezar a subir no mundo no que vives. Así se pode dicir que lle aconteceu a un tal Tommy Morrison, un boxeador de Arkansas que se dedicaba ás pelexas amateurs, ata que nunha desas andaba por alí Sylvester Stallone e este escolleuno para que o acompañara na quinta entrega da saga de Rocky. Aquí interpreta a Tommy Gun, un mozo que aspira a ser boxeador baixo a tutela do mítico Rocky Balboa. A secuencia que máis se lembra do filme é a pelexa final que enfronta, como non, ó gran mestre e ó alumno nas rúas de Filadelfia e que acaba cando Stallone, faltaría máis, derruba ó seu pupilo.

A verdade é que a crítica non andou con lerias e veulle dicindo que seguise co boxeo, algo que fixo e que grazas ó filme, a súa carreira viuse lanzada ó infinito, aínda que lle faltou o ir máis alá. A proba é que, xa como profesional, e cando lle chegou o seu primeiro combate cun grande, con Ray Marcer, este axiña o mandou á lona. Non obstante, o ánimo de Tommy Morrison non decaeu e o seu gran momento de gloria chegaríalle en 1993 cando derrotou a toda unha lenda puxilista, a George Foreman (unha lenda moi veterana, iso si). Ante esta vitoria os egos multiplicáronse e moitos xa o vían como a gran esperanza branca nun mundo onde as principais estrelas eran de raza negra.

A Morrison chamábanlle O Duque porque seica era un suposto parente (bastante afastado, iso si) do máis mítico John Wayne. O pai de Morrison animouno a practicar boxeo ós dez anos e a nai utilizou documentos de identidade falsos para inscribilo en concursos desas pelexas de “homes duros”, nos que a idade mínima era de 21 anos e o rapaz só tiña 13. Non obstante, pola envergadura que tiña derrubaba con certa facilidade a eses “homes” maiores.

Tivo que retirarse en 1996 cando deu positivo por VIH. Despois, para máis aquel, meteuse no mundo da delincuencia, con temporadas en prisión por drogas, armas, roubos e outros delitos. Ó final, o alumno que pelexara con Rocky faleceu o 1 de setembro do 2013 á idade de 44 anos por complicacións derivadas da sida.

Te puede interesar