Opinión

O gran cómico

Cando o día 11 de abril de 2013 Jonathan Winters faleceu na súa casa de California, deixou tras de si a miles de cómicos fundidos por un tempo. Comediante posuidor dunha enerxía imprevisible e cunha carreira profesional de máis de medio século ás súas costas, dedicou a súa vida a facer rir á xente. Para a maioría dos que se dedicaron e se dedican á comedia, foi o rei da mesma en Estados Unidos durante as décadas dos setenta e os oitenta, chegando a converterse nun exemplo a imitar polas futuras xeracións. Dono dunha improvisación mímica moi persoal foi a gran inspiración de estrelas de Hollywood como Jim Carrey ou Robin Williams.

Nacera en Dayton (Ohio) o 11 de novembro de 1925. Desde neno foi un gran seguidor do equipo local de béisbol, ós que visitaba con frecuencia nos vestiarios tras os partidos, xa que un dos seus compañeiros de instituto foi o famoso xogador da época Brooks Lawrence.

O cómico Jonathan Winters abandonou a educación secundaria ós 17 anos para alistarse na Mariña, na que serviu dous anos e medio. Á súa volta empezou os seus estudos no Instituto de Artes de Dayton onde coñeceu á que sería a súa muller, falecida en 2009 tras unha impresionante loita contra o cancro que durou 20 anos. Estiveron xuntos máis de 60 anos.

A súa carreira empezou cando ganou un concurso de talentos, unha oportunidade que o levou a ser disc-jockey de radio e a participar en distintos clubs da comedia. Da noite para a mañá, da ignorancia pasou a participar en programas de televisión durante décadas. Era un invitado imprescindible do programa desa lenda televisiva chamada Johnny Carson, o The Tonight Show.

O cómico chegou a colaborar en case medio cento de películas. Entre elas, Winters foi un dos protagonistas da comedia de culto estadounidense “O mundo está louco, louco, louco”, que Stanley Kramer dirixiu en 1963. Unha das súas derradeiras achegas ó cine foi darlle voz a Papá Pitufo no filme de 2011, que narra as aventuras destes pequenos seres azuis. Por certo, a voz tamén lla puxo á serie deses debuxos animados entre 1986 e 1989. Winters ganou 12 premios Grammy grazas ós múltiples álbums de comedia que grabou.

Te puede interesar