Opinión

O home

O home colleu o libro e marchou para a biblioteca. Logo de entregalo, colleu outro en préstamo. Xa ten tres. Ó home, ó saír, mirou para a ventá aberta dun faiado. Imaxinou que era a troneira dun castelo pero non asomou ningunha princesa. O home seguiu camiño ata atopar unha carballeira. Subiu ó carballo máis groso e sobre a galla máis gorda bailou un tango mentres imitaba a Carlos Gardel.

O home escribiu versos azuis sobre fondo branco e deixou que un gaio asinase baixo a palabra fin. Ás veces a natureza deixa estampas de documental. Na realidade, o home estaba a formar unha película cun único protagonista. Aínda que, por un momento, chegou a pensar nun esperpento.

O home, en vez de marchar para a casa, colleu camiño da estación do ferrocarril. Alí sentou á beira dunha roda do cabalo de ferro e sentiuse John Wayne nunha do Oeste. Case preferiu cambiar a Clint Eastwood ou a Lee Van Cleef, que así dáballe máis empaque, máis carraxe á película. A realidade amosábao co libro aberto sobre as súas pernas.

O home, en vez de ler os poemas, pescudaba, indagaba sobre a Perla Negra camiño de terras alleas. Quixo ser o pirata da lagoa da Antela, pero a instantánea amosábao coma cowboy de Baños de Molgas. Como cambian os tempos! Como cambia o territorio! O home deixou caer a nostalxia sobre as vías do tren. O cabalo de ferro trotou pola memoria da infancia. O home ergueu e marchou.

Te puede interesar